Sábado. 12.10.2024
El tiempo

Así serán as obras da praza de Agualada

  • A Xunta estudia ampliar a Biblioteca e adecuar un espazo para Proteccion Civil
Praza de Agualada-Coristanco
Estado actual da Praza de Agualada
Así serán as obras da praza de Agualada

A Xunta de Galicia vén de licitar hoxe as obras de humanización de varias prazas de Coristanco (San Antonio e do Cruceiro, no lugar de Agualada, e a rúa e praza de San Roque, na parroquia de Santa María de Traba) por preto de 300.000€ (298.722€), enmarcadas no Plan Hurbe da Administración autonómica. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 22 de outubro para presentar as súas ofertas.

As obras proxectadas na praza de San Antonio pretenden unificar a praza e, deste xeito, eliminarase o paso existente que divide a zona da fonte coa Igrexa e utilizarase o mesmo pavimento de pedra existente no resto da praza, para darlle un acabado uniforme a todo o conxunto. Substituiranse así mesmo as baldosas danadas e recolocaranse as árbores existentes no lado da fonte, para ofrecer un mellor acceso á praza.

Praza do Cruceiro de Agualada-Coristanco

No que atinxe á praza do Cruceiro, abordarase unha plataforma única para integrar o colexio coa zona de xogos infantís, creando unha zona preferentemente peonil e facilitando a accesibilidade da zona, coa desaparición das estreitas beirarrúas e a creación dun espazo máis amplo. O acceso rodado será nunha única dirección.
Así mesmo, está prevista a plantación de árbores, a colocación de farois ao longo da devandita plataforma e a creación dunha zona de aparcamento. Tamén se colocará un valado sobre o muro da zona de xogos e a obra completarase coa retirada e soterramento do cableado e a recollida das augas pluviais ao final da rúa.

Por outra banda, na rúa e na praza de San Roque, a intervención prevista persegue dar un mellor acceso á praza desde o centro do pobo, para o que se ampliarán as beirarrúas no
inicio da rúa de actuación. Prevese que o sentido de circulación de vehículos na praza sexa único. Ademais, dotarase de iluminación á zona, unificaranse os paseos e recolocaranse bancos, farois e papeleiras existentes. Tamén se regularizará o acceso á área de xogos e delimitaranse a zona de aparcamentos ao redor da praza e un carril bici no lado oposto
aos aparcamentos.

O Goberno galego cofinancia nun 70% as intervencións, contratará e executará as obras.

Novos investimentos da Xunta

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse, esta mañá, co alcalde de Coristanco Juan Carlos García, para formular unha posible ampliación da biblioteca e mais a adecuación dun baixo no edificio de servizos múltiples como base de protección civil.

Na reunión tamén repasaron as necesidades en materia de abastecemento de augas e da probabilidade de levar a cabo algúns axustes nas paradas de autobús escolares e metropolitanas. Ademais, a delegada coñeceu o proxecto no que está a traballar o rexedor para o entorno de Verdes.
 

Comentarios