Denuncian “o novo cambio de versión do PP e o enésimo atraso do polígono industrial de Coristanco”

Jose Manuel Abelenda do PSOE de Coristanco coa deputada Patricia Iglesias

Segue paralizado o proxecto do polígono empresarial da Miñata. Un proxecto rescatado en 2020, cuio proxecto de expropiación se aprobaba en 2024, e que aínda non dá arrinca. Así o denuncia o PSdeG-PSOE, que lamenta “o novo cambio de versión do PP e o enésimo atraso do polígono industrial” logo de que o goberno local de Juan Carlos García volvese modificar as súas previsións sobre o polígono industrial coristanqués.   

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias lamentou que o Partido Popular “atrasa unha vez máis o inicio real das obras, empregando de novo esta infraestrutura como ferramenta de propaganda electoral a un ano das eleccións municipais”. 

Segundo lembra a deputada no Parlamento galego, en marzo de 2026, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial afirmou na Comisión de Industria que se iniciaría a licitación das obras en 2026. “Porén, ainda no se iniciou o procedemento de expropiación dos terreos, o que nos levará ata finais do primeiro semestre de 2027”, critica. 

O voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda lembra que “esta non é a primeira vez que o PP promete datas que nunca se cumpren” tanto no Concello de Coristanco como na Xunta de Galicia. 

“En 2019, en plena precampaña, o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou o polígono como proxecto estrela para a comarca, pero o proxecto de expropiación non se adxudicou ata comezos de 2024 e quedou paralizado meses despois”, indica o socialista. 

Para Pérez Abelenda, a este historial de atrasos súmase agora outra contradición: “Mentres a Xunta afirmou que as obras arrancarían en 2026, agora as comunicacións públicas recentes por parte do PP, tanto da conselleira María Jesús Lorenzana como do alcalde Juan Carlos García aseguran que será no 2028, e isto está xerando falsas expectativas no empresariado”. 

“Abonda xa de mentir ao tecido empresarial e á veciñanza de Coristanco” 

O voceiro socialista critica que o PP empregue o polígono industrial “como reclamo electoral cada catro anos, sen avances reais e sen respecto cara ao tecido empresarial, que precisa solo industrial para poder medrar”. 

Pérez Abelenda subliña que esta infraestrutura “é imprescindible para o futuro económico do municipio e a falta dun polígono operativo está provocando que empresas marchen a outros concellos con mellores condicións, como xa sucedeu”.