Luz verde ambiental á urbanización do Polígono de Coristanco

Mapa do Poligono empresarial de Coristanco

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para urbanizar e conectar os exteriores do parque empresarial de Coristanco, que promove Xestur.  O informe impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente foi elaborado no procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada, e conclúe que "non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados dos proxectos".

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade nos vindeiros días a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. 

Este proxecto pretende a urbanización e a realización das conexións exteriores do parque empresarial de Coristanco, supoñendo a ocupación de máis de 173.000 metros cadrados, dos cales máis de 44.700 metros cadrados serán destinados a zonas verdes. Entre as actuacións previstas están a construción de glorietas e ramais, o acondicionamento de parcelas, a creación de zonas de aparcamento ou obras en melloras de saneamento e abastecemento de augas.