A pirotecnia e as festas de Bergantiños no pasado

A Igrexa de Traba

En calquera festa ou romería que se celebra en Galicia, o uso da pirotecnia, sexa en foguetes ou fogos artificiais nocturnos, é un valioso recurso para facer externa e pública a ledicia da freguesía ante as celebracións, sobre todo de tipo relixioso, aportando así mesmo solemnidade aos actos. Este pensamento era compartido polos nosos antepasados xa dende o século XVIII, nunha época onde comezan a celebrarse con máis ímpeto as festas patronais e, sobre todo, a solemnidade do Corpus Christi, impulsada polo Concilio de Trento. Se tomamos os libros das confrarías, por exemplo o da confraría do Sacramento da parroquia coristanquesa de Santa Baia de Castro, atopamos como cada ano aparte do incenso, da cera ou do soldo outorgado ao frade predicador da Misa da festa, o rexistro dos gastos en pólvora, repartida na véspera, na hora da Eucaristía solemne e, tamén, no percorrido da procesión. Por exemplo, para o Corpus de 1802 en Santa Baia, gastáronse 42 reais en catro ducias de foguetes dun tiro e outra ducia de tres estalos. 

Aínda que nun principio os foguetes eran mercados en Santiago, enviando un veciño para adquirilos e transportalos á parroquia, no século XIX comezaron a florecer, como indica o precitado libro, algunhas pirotecnias no ámbito bergantiñán, xa que existía unha forte demanda. Deste xeito, a partir destas datas, atopamos nas proximidades os talleres de fabricación de Ramón Torrado en Carballo; de Manuel Lema na Piolla; de Pedro Porteiro en Oca ou o de Manuel Nóvoa en Xaviña. Estes fogueteiros ofrecían os seus produtos ás parroquias circundantes, dos actuais concellos de Coristanco e Carballo, abaratando os custos e facilitando a obtención de pólvora. 

Se nas romaxes do século XVIII os veciños de Santa Baia ou de calquera outra parroquia tiñan que contentarse con dúas ou tres ducias de foguetes traídas dende Compostela, nas festas da seguinte centuria puideron aumentar esta cantidade. Sen embargo, a finais do século XVIII houbo un encarecemento e escaseza de pólvora; así, na festa da Asunción de Cereo de 1786 acudiron á solución de gastar “quince reales en pólvora a tiros, por falta de cohetes”. Xunto coa facilidade de obter pólvora que se tivo en décadas posteriores, outro gasto importante nas datas das confrarías será a da banda de música. Se nun principio se invitaban a tocar a un par de gaiteiros, atopamos, por exemplo, no Corpus de Santa Baia do ano 1872, a banda de Eduardo Lema Cures, veciño de Cereo, agrupación que cobrou 35 reais por amenizar a véspera e o día da festa. 

Como sinala o refrán, de que moitas veces o barato sae caro, é importante subliñar a boa cantidade de material defectuoso que elaboraban os pirotécnicos da zona, que facía dos seus produtos un elemento perigoso e de risco para quen os queimaba e tamén para quen asistía as romaxes. Así sucedeu en Traba, en Coristanco, na festa do 15 de agosto de 1895, onde foi necesario arranxar “dos ventanas del lado norte de la iglesia, destrozadas por una explosión de cohetes”. 

 

Máis artigos de Luís Bermúdez