O preito de Santa Minia de Seavia (1870)

Se acudimos á igrexa de Seavia, moitas das imaxes que vemos e se veneran nos seus retablos foron adquiridas en tempos do párroco don Joaquín Rodríguez: comprou unha Dolorosa en 1871, co fin de trasladar á parroquial a romaría que se facía na capela de Nogueira, polos desacordos que tiña coas señoras das Torres; en 1872 mercou a imaxe do xacente; en 1875, un San Antonio de Padua... Sen embargo, unha das imaxes máis polémicas que trouxo, xa que lle quixo fundar unha festa popular a semellanza da de Brión, foi a da nena mártir Santa Minia. Foi traída cara 1870, como recolle o libro de fábrica: “dos mil reales que costó una imagen de Santa Minia con su vestido tisú fino y urna de cristal para salir acostada en procesión”. A imaxe xacente da mártir, de 1’10 m de longo x 35 cm de ancho e 21 cm de profundidade, tenta imitar a efixie de cera que se venera no seu santuario de San Fiz de Brión, que encerra no seu interior os restos da Santa. Estes foran extraídos dunhas catacumbas de Roma a finais do século XVIII, e logo de pasar a ser venerados en Cádiz, foron entregados a un galego que traballaba na casa onde estaban depositados, quen finalmente traería á súa terra natal a preciosa reliquia.
A imaxe de Seavia foi feita dous anos despois de que se entronizaran os restos no santuario ergueito na aldea de Pedrouzos, en Brión, e vendo a grande afluencia de devotos que alí ían, don Joaquín intentou instaurar a súa devoción en Coristanco. Descoñecemos o nome do autor compostelán que realizou escultura, aínda que este tallista, pouco habilidoso no seu oficio, ten unha boa cantidade de imaxes por toda a comarca. A talla, de vestir, conta con ollos amendoados, boca pequena, nariz recto e rostro case rectangular, con escaso naturalismo. Leva unha perruca de cabelo natural, para darlle máis verismo á imaxe, e no pescozo conta cunha fonda ferida, de onde sae un regueiro de sangue, signo do seu martirio; leva ademais o distinto iconográfico da palma, sinal dos seus padecementos por ser cristiá, en un ramo de flores, demostración da súa virxindade e pureza. A imaxe foi exposta por primeira vez o luns de Pascua de 1870, data cargada de polémica para os fieis de Ferreira e Seavia, da que xa dou conta nun artigo Luis Giadás en 2015.
O párroco de Seavia estableceu como data anual da romaría de Santa Minia en Seavia o luns de Pascua. Naquel ano mandou elaborar o seguinte cartel:
“El día 18 de abril del corriente año se pone a la pública veneración en la iglesia parroquial de San Mamed de Seavia la imagen de la milagrosa Santa Minia (…) anunciarán su festividad el repique de campanas y vísperas solemnes el domingo 17 por la tarde, como así mismo voladores y fuegos de diversos colores y un globo artificial que se echará la misma tarde, en cuyo día estará iluminada la fachada de la iglesia con hermosos faroles de papel pintado traídos de Alemania y bailarán ante dicha fachada dos crecidos gigantes. (…) El lunes 18 hasta las 11 habrá algunas Misas rezadas, y a las 11 comenzará la solemne, (…) concluida la Misa se hará con toda solemnidad la procesión, en la cual se llevará una hermosa urna de cristal la gloriosa Santa, acompañada de cuatro niñas vestidas de blanco, símbolo de la virginidad, cada una con una corona de flores, y otras cuatro vestidas de encarnado, cada una con su palma, símbolo del martirio (…) Hay concedidos cien días de indulgencia visitando la Santa y orando por la paz y felicidad de la Iglesia”.
Naquel mesmo día tiña lugar a festa de Santa María en Ferreira, que levaba celebrándose dende había séculos na xornada do luns de Pascua. No momento que os veciños viron aqueles avisos do crego de Seavia polas feiras e puntos principais do concello, co temor de que os fieis acudisen pola novidade á romaría de Santa Minia, decidiron escribir unha misiva á curia diocesana o 25 de febreiro daquel ano 1870, con fin de remediar a situación:
“Desde tiempo inmemorial se celebra en su parroquia el lunes de Pascua de Resurrección de cada año la función a la patrona, siendo su vocación Nuestra Señora de la Anunciación, a cuya función, por la general devoción que tienen los fieles, concurren de diferentes parroquias a distancia de dos leguas, no solo tributando el culto que merece, sino también dando muchas limosnas o caridades para su sostenimiento (…). Los que hablan se hallan con la extraña novedad de que el señor cura de la parroquia de San Mamed de Seavia (…) acaba de traer para su iglesia una imagen denominada de Santa Minia, a la que trata de erigirle su función o festividad el mismo día lunes siguiente al domingo de Pascua de Resurrección según consta de varios edictos o llamamientos que para ello ha fijado en diferentes puntos (…). Eminentísimo Señor, los que representan están en la pura creencia como es positivo que dicho señor cura de Seavia designó el día que queda explicado para la función, para que por este medio no solo destruir la concurrencia de los fieles a la festividad de Ferreira, sino también hacer con que decrezca en su concepto y mérito, y que se engrandezca el santuario cuya devoción intenta plantear”.
Os veciños rogaron na devandita misiva que, dada a antigüidade da súa festa, o Cardeal mudase obrigatoriamente a de Seavia, como así se fixo: a de Ferreira manteríase o luns de Pascua, e a de Seavia pasaría ao seguinte domingo, a dominica chamada “in albis”. Hoxe, as festas de Ferreira, debido aos cambios no eido laboral, pasaron a celebrarse no fin de semana seguinte á Pascua, a onde os antepasados lograran mover ás de Seavia, e a función a Santa Minia adiantouse, por comodidade, ao día da Pascua.
Máis artigos de Luís Bermúdez
- Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños
- A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
- A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco
- A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal
- A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños