Os socialistas de Bergantiños presentarán mocións contra os recortes no ensino

Os socialistas Valentín Costa Trillo, de Carballo; Lois García Carballido, de Ponteceso; José Manuel Pérez Abelenda, de Coristanco e Inés Ramos López, da Laracha

O PSdeG-PSOE da Comarca de Bergantiños anunciou as medidas que van realizar en relación aos recortes da Xunta de Galicia en educación tanto na Costa da Morte como no conxunto de Galicia.
  
Por unha banda, José Manuel Pérez Abelenda, sinalou que levará ao Pleno do seu Concello "os recortes nos centros de infantil, secundaria e bacharelato, así como as múltiples necesidades de obras nos centros educativos de Coristanco".
 
Por outra, o carballés Valentín Costa Trillo repasou na reunión "os avances conseguidos coa mobilización a favor do CEIP Xesús San Luís Romero" e propuxo unha reunión co sector empresarial para o impulso da FP en Carballo, que ten "unha oferta estancada a pesar das grandes transferencias de fondos europeos e estatais á Xunta de Galicia".
Ademais, Costa Trillo alertou de que "o feito de que o profesorado de orientación e pedagoxía terapéutica sexa compartido limita a eficiencia do seu traballo, que resulta fundamental para garantir o desenvolvemento e a igualdade de oportunidades de todo o alumnado".
 
Finalmente, Inés Ramos López denunciou as ratios en tres grupos de bacherelato do IES da Laracha que pasan dos 30 alumnos por aula. "Isto afecta moi negativamente á calidade da ensinanza e supón un incumprimento dos acordos da propia Xunta cos sindicatos CCOO, UGT e ANPE", lamenta. Ademais, criticou xunto aos outros voceiros socialistas as carencias en profesorado de apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais.

Igualmente levan as demandas das familias de Laxe ao Parlamento Galego.
 
Máis novas