As familias do Pindo non mandan ás crianzas ao cole como medida de presión ante os recortes de profesorado
Aínda o pasado 3 de setembro o alcalde de Carnota recibía a promesa de estudiar as necesidades actuais dos colexios do Concello. Pero parece que o comezo de curso, e as importantes carencias do CEIP do Pindo seguen sen ter resposta.
O centro, que conta con numerosas casuísticas de nen@s con Necesidades Específicas, está sen Auxiliar de Linguaxe (AL) (o ano pasado estaba 10 horas á semana) nin Coidadora, e sufriron un recorte do 50% nas horas da PT (a Auxiliar de pedagoxía terapéutica apenas está 5 horas no centro) a pesar da promesa de Inspección de que ían ter un AL a xornada completa e un PT a xornada partida.
Esta semana as familias e a ANPA do centro veñen de presentar un escrito ante Inspección, e ao non recibir resposta inmediata veñen de tomar a decisión de non enviar, dende este xoves 19 de setembro, e de xeito indefinido, ás crianzas ao centro.
Unha medida de presión necesaria para que a Xunta reaccione ante o seu continuo e exasperante proceso de desmantelamento do sistema de ensino público, que teríamos que facer todas as familias do país,, como veñen de facer as de Sardiñeiro os primeiros días de cole.
”Tendo en conta que o propio Conselleiro de Educación é coñecedor desta situación e destas demandas (reuniuse o 2 de setembro co alcalde de Carnota para falar dos dous centros de primaria do concello) , non entendemos a inacción e o silencio administrativo”, explican no escrito as familias, no que debullan as carencias dun cole que apenas conta con 4 profesoras, incluida a directora. Describen que en Infantil necesitan unha Coidadora si ou si, pois hai necesidades específicas moi claras. Denuncian que xa o curso pasado, a mestra de Infantil, cando necesitaba ir ao baño, tiña que chamar á Limpiadora para que coidase os nenos.
”Podemos corroborar a grave situación de desatención na que se atopan os/as nosos fillos e fillas, así como as pésimas condicións nas que se atopa actualmente o persoal docente do centro, entre a saturación e as dificultades de organización para atender mínimamente ó alumnado”, explican.
Moitas familias carnotás xa estiveron apoiando a manifestación da pasada semana en Cee, pero piden o compromiso de toda a comunidade escolar, pois a presenza da Coidadora e da AL non é algo necesario para os nen@s que teñen esas NEE, senón que é necesario para toda a aula.
Así, esta mañá de xoves, ademais de non levar as crianzas, realizaron unha concentración ás 9:30h diante do colexio, e contarán co apoio do Concello de Carnota e tamén do de Dumbría, pois o centro tamén ten nen@s do Ézaro.
Solicitaron ademais reunións co Conselleiro e coa Inspección.
Máis novas
Artigos relacionados
- Rosaura Romo: Seguimos nun sistema educativo de guetos.