Luns. 07.10.2024
El tiempo

As familias de Cee alzaron masivamente a voz contra os recortes no ensino

Concentracion das familias de Cee contra os recortes
As familias de Cee alzaron masivamente a voz contra os recortes no ensino

Centos de persoas secundaron a concentración convocada este martes 10 de setembro da ANPA do CEIP Vila de Cee para protestar contra os recortes da Xunta. Masiva participación na víspera do comezo de curso para demostrar que a sociedade esixe un ensino público de calidade e que está cansada de ver como ano tras ano estamos perdendo dereitos.

A ANPA do Colexio Vila de Cee vén de facer pública unha denuncia ante a Inspección Educativa e a Xefatura Territorial de Educación, sinalando o que consideran un grave incumprimento das ratios asinadas pola Consellería de Educación, expostas na resolución do 10 de xaneiro e publicadas no DOG número 12 deste mesmo ano.

Non faltaron as familias do CEIP Areouta de Sardiñeiro que hoxe demostran o seu compromiso e non van vandar á súas crianzas ao cole ante o grave recorte que sofre o seu centro.

Esixencias

Desde a ANPA aseguran que a situación é "insostible", especialmente tendo en conta que non se cumpre a normativa actual na que ningún curso que tivese entre 20 e 25 alumnos/as no curso pasado podía ter máis dos que tiña, que o alumnado repetidor computa e que o alumnado con discapacidade recoñecida conta de maneira especial nas ratios.. “Inicialmente íase contar cun profesional máis de educación primaria, ao non cumplir cos requisitos previos, pero a 4 días de empezar o colexio enterámonos de que nin sequera este acordo excepcional de mínimos se vai cumprir, algo que nos parece intolerable”, sinala unha portavoz da ANPA.

A denuncia das familias tamén subliña o impacto da redución das horas lectivas para o profesorado, que se aplica sen un incremento proporcional no número de mestres/as. Isto está a afectar o apoio educativo e as gardas, co consecuente impacto negativo para o alumnado. “A falta de recursos non só recorta a educación dos nosos fillos, senón que sobrecarga ao profesorado e limita as oportunidades dos estudantes,” afirman desde a ANPA.

Unha das cuestións que máis preocupa á comunidade educativa de Cee é o feito de que, unha vez máis, os recortes afecten de maneira máis intensa ao rural. “A Costa da Morte segue sen ser tida en conta nas políticas educativas. A educación no rural parece ser un ámbito onde a Xunta cre que pode aplicar recortes sen consecuencias, pero as consecuencias son ben reais para os nosos nenos e nenas,” denuncia o colectivo de pais e nais.

Desde a ANPA deixan claro que non van deixar de loitar ata que se repoñan os recursos recortados e se respecten os acordos asinados pola Consellería de Educación. “Estamos a falar do futuro dos nosos fillos e fillas. Non podemos permitir que se xogue cos seus dereitos. O noso compromiso é firme: non imos parar ata que se cumpran os acordos asinados,” conclúe o portavoz da ANPA

Presenza masiva de familias na concetracion contra os recortes no CEIP Vila de Cee
Presenza masiva de familias 

Máis novas sobre recortes no ensino

Comentarios