As familias de Laxe trasladan ao PSOE as súas queixas polos recortes da Xunta no cole
A semana pasada mobilizábanse nas rúas, pero a súa loita non fica aí. As familias do CEIP Cabo da Area de Laxe e da súa ANPA mantiveron unha reunión esta mañá de xoves 12 de setembro co PSOE provincial.
O secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e membros do Parlamento galego como Julio Abalde Alonso e Patricia
Iglesias Rey, ademais de integrantes da agrupación socialista local como Paco Vidal, escoitaron as demandas das familias, que esixen, cando menos un auxiliar de Audición e Linguaxe (AL) para o centro.
"A Xunta de Galicia segue facendo oídos xordos ante as reclamacións das familias de Laxe, que non piden máis ca persoal en Audición e Linguaxe ou en pedagoxía, e en definitiva revertir os recortes", explica Fernández Piñeiro. O socialista sinala que "este é un exemplo máis do desleixo do PP cara a educación pública e cara a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte, tanto en materia de infraestruturas como de servizos públicos", sinalou en relación coa falta de apoio contra o despoboamento.
Pola súa banda, Patricia Iglesias Rey pediulle ao conselleiro Román Rodríguez González "que non faga tanta propaganda e que escoite ás reivindicacións das familias de Laxe, que piden unha educación de calidade".