11 concellos da comarca xa afectados pola inclusión da situación de prealerta por seca da conca do Anllóns

Ademais da situación de prealerta por escaseza moderada de auga na que leva a zona do río Grande dende comezos de agosto, hoxe a Xunta vén de ampliar esta situación tamén ao sistema do río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.
Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, tendo en conta que desde mediados do mes de agosto presenta indicadores de escaseza por debaixo do límite de 0,30 e tras constatar que, lonxe de mellorar, nas últimas dúas semanas a situación amosou un lixeiro empeoramento.
Así mesmo, a evolución nos ríos Lérez e Grande desde a última reunión tamén aconsella manter a prealerta en ambos sistemas.
Concellos afectados
A situación de prealerta por escaseza de auga implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. De feito, os concellos nesta situación teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo. Estas sons as unidades territoriais de escaseza (UTE) e os concellos afectados:
- UTE río Grande: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas.
- UTE río Anllóns: Arteixo, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica, Ponteceso e Tordoia.
- UTE río Lérez: Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo.
A maiores, en Baiona manteranse medidas equivalentes a unha situación de prealerta.
Recomendacións
Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se estea utilizando.
A Oficina Técnica da Seca tamén aconsella aos concellos en situación de prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas ou o rego de parques e xardíns. Nesta liña, e tal e como establece o Plan especial de seca da Demarcación Galicia-Costa, o organismo hidráulico informou hoxe por escrito da declaración de prealerta aos alcaldes dos municipios pertencentes á UTE do río Anllóns e que non estaban ata o de agora afectados.
En concreto, entre as medidas que propón adoptar a nivel municipal nas zonas cun escenario de escaseza moderada está o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais.