A Costa seguíu levemente a folga do 29S
18:21 29/09/10
Non puido a choiva coa Concentración convocada pola CIG e na que participaron os sindicatos convocantes da folga xeral UGT e CCOO. Preto de 300 persoas uníronse na Praza do Concello ceense para manifestar o seu rexeitamento contra a Reforma Laboral. Con cánticos como "Salario conxelado, futuro hipotecado" ou "Non á reforma laboral", delegados sindicais e traballadores demostraron que a Costa tamén sabe parar e protestar.
A CIG valora moi positivamente a incidencia da folga. Pero con todo, o seguemento é moito menor do que se está a ver nas grandes cidades.
E a Costa parou unida ademais. I é que malia comezar de xeito separado as dúas manifestacións, as pancartas da CIG e a de UGT e CCOO uníronse para ler o manifesto, que liu Xabier Santos, delegado da CIG. Algo que ocorría noutras cidades coma en Vigo, onde as dúas manifestacións non se atoparon en ningún momento.
Seguemento irregular
Foi na vila de Cee onde o seguemento foi máis activo. Gasolineira de Bazarra pechada, o Carrefour tamén, igual que todos os bares da praza agás o Kami, que tivo algún que outro problema cos piquetes. Con todo, a meirande parte destes establecimentos pecharon á hora da concentración pero a primeira hora da mañá estaban abertos e ao mediodía xa abriron de novo. A imaxe da porta do Centro Comercial cunha ventena de veciños tapándose da choiva, era, cando menos, singular.
Ferroatlántica si que mantivo un seguimento dos máis fortes da zona. Na fábrica ceense aproveitaron que os fornos están parados durante toda a mañá para manter tan só os servizos mínimos. De feito moitos dos conocantes eran parte do comité sindical da empresa.
Outra das grandes empresas da zona como foi Cerdeimar tamén sentíu a folga e houbo un 40% de seguimento. Nembargantes, en Prodemar tan só 10% do persoal secundouna.
Noutras zonas como Vimianzo, Corcubión ou Fisterra apenas houbo movemento salientable e bares, e establecimentos de todo tipo permaneceron abertos ao longo do día.