A crise afecta cada día máis á precaria situación da pesca artesanal

Continúan os malos tempos, en terra, pero tamen na mar. Xa en marzo, alertaban da complicada tesitura económica do sector, e hoxe a Asoar Armega volve denunciar "a difícil situación que está a atravesar a pesca artesanal galega derivada dos acatamentos de TACs", unha denuncia que veñen realizando dende abril con pancartas reivindicativas en boa parte das embarcacións do país.

A Asoar denuncia que onte "recibíase o comunicado do peche da pesquería da merluza para este terceiro trimestre na modalidade de artes menores, e temos constancia de que existen outras que están a piques de esgotarse. Así constátase unha vez máis, a situación pola que pasan estes pescadores, que cada vez se ven máis limitados na súa actividade pesqueira, ben pola merma das capturas, como é o caso do polbo, ou polo peche continuo de pesquerías cruciais como a pescada, o xurelo ou a xarda".

Denuncian así que estas medidas "levan a este sector a unha situación económica inviable, con verdadeiros problemas para soster as súas empresas".
Consideran que "o reparto de stocks de especie que se ten realizado non é acorde coas necesidades reais das pesquerías nin das flotas". Asemade "tampouco existe unha planificación eficiente que permita solventar estes problemas, así podemos poñer como exemplo a xarda que, cando chega as costas galegas a pesquería encóntrase a piques de pecharse".

Carta ao Ministerio

Dende a Entidade enviouse, esta mesma semana, unha petición ao Ministerio e outra a Consellería do Mar sobre a necesidade de realizar un reparto do TAC da xarda por Comunidades Autónomas e non por caladoiro como se ten feito. A razón desta petición é que, dende que saíra publicada a normativa de reparto de TAC da xarda (mediante Orde ARM/271/2010, de 10 de febreiro) a flota artesanal galega encóntrase en clara desventaxa, ao respecto de outras flotas doutras Comunidades Autónomas que faenan no Caladoiro Cantábrico-Noroeste (zona CIEM VIIIc) e con graves problemas polo peche prematuro da pesquería.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte