A Asociación Astroturismo Costa da Morte estivo presente no Encontro Internacional Starlight de Soria

Representantes costeiros no Encontro Starlight de Soria

A Asociación Astroturismo Costa da Morte participou esta semana no VIII Encontro Internacional Starlight celebrado en Soria, un foro de referencia a nivel internacional no ámbito do turismo astronómico e da protección dos ceos escuros.

A entidade estivo representada pola súa presidenta, Yolanda Díaz, e pola vicepresidenta, Nieves Lema e xs Monitores Starlight Costa da Morte Charo Couto, Bego Brao e Antón Pazos, quen acudiron co obxectivo de dar a coñecer o potencial da Costa da Morte como destino Starlight e compartir experiencias con outras iniciativas que promoven un turismo sostible, responsable e de calidade, vinculado ao patrimonio natural e cultural.

No encontro tamén participaron a vicepresidenta da CMAT e alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e a directora de Promoción de Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pita, reforzando así a representación galega e o apoio institucional ao proxecto do Destino Costa da Morte Starlight.

Durante o encontro, xs representantes da asociación participaron tamén nas ponencias formativas dedicadas ao Eclipse de 2026, un dos eventos astronómicos máis esperados da década, que situará Galicia como un dos mellores lugares do mundo para a súa observación. A súa intervención centrouse en destacar a importancia da planificación, da sensibilización social e da colaboración entre territorios para aproveitar este acontecemento como motor de desenvolvemento local e de divulgación científica.

A participación da asociación neste evento reforza o seu compromiso coa divulgación científica, o respecto pola natureza e o impulso dun turismo responsable e transformador.

Dende Astoturismo Costa da Morte salientan a importancia de formar parte dunha rede que aposta pola conservación dos ceos como patrimonio común e pola cooperación entre territorios para avanzar cara a un modelo turístico máis sostible e inspirador. Ademais, a asociación continuará participando activamente en actividades, encontros e proxectos que contribúan a fortalecer e potenciar o destino Costa da Morte Starlight, consolidando así o seu papel como referente no ámbito do astroturismo galego.
 

Máis novas