O BNG urxe á Xunta un plan de mantemento e mellora das estradas comarcais na Costa da Morte
O deputado do pola BNG Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego nas que urxe á Xunta de Galiza a realizar un plan integral de mantemento e reparación das estradas comarcais na Costa da Morte, das que é titular, e executar de forma urxente as actuacións máis necesarias para manter a seguridade vial, como é o pintado das marcas viarias.
Segundo sinalou a formación nacionalista, na Costa da Morte as principais vías de comunicación coas cidades de Compostela e A Coruña atópanse en moitos dos seus tramos “nun estado lamentable que dificulta a viabilidade e circulación do tráfico”. É o caso da estradas AC-552, AC-440, AC-441, AC-544, AC-545, AC-546, AC-547 e AC-404.
O BNG subliñou que algunha das citas vías foi obxecto de reparacións o ano pasado, nas cales se fixeron actuacións que consistiron en remendar con capas de asfalto os tramos máis deteriorados, “pero este ano, en gran parte debido ás condicións climáticas, volveron a aparecer fochancas e hai treitos en malas condicións, tramos onde se acumula moita auga das choivas e provocan ‘aquaplanig’”.
“Ademais, un dos grandes problemas existentes e común en todas estas estradas e que as liñas e marcas viarias non se ven, ben porque non están pintadas desde as últimas reparacións, ou ben polo desgaste do tempo, o que supón un auténtico perigo nos días de mal tempo, que este inverno están sendo case todos”, advertiu a formación nacionalista, que salientou que as liñas de pintado “son imprescindíbeis para manter a seguridade viaria e é necesario que sexan nítidas e teñan unha boa visibilidade nos momentos de escuridade”.