O Camiño dos Faros triunfa en Berlín, a feira turística máis importante do mundo
Xa está por Berlín unha expedición do Clúster Turismo de Galicia, comandada por Cesáreo Pardal e Jesús Picallo. A comitiva galega, entre a que tamén está Belén Montero (directora do Pazo de Congresos de Santiago e propietaria da Casa Lourido en Lires), leva a nosa riqueza ao maior evento turístico do mundo, que este ano recupera a modalidade presencial. O ITB Berlín desenvólvese do 7 ao 9 de marzo , e canda o Cluster e Turgalicia viaxan unha ducia de empresas galegas e entidades do sector, que amosarán “a excelencia e potencialidade do turismo cun selo de proximidade, ecolóxico e cun marcado selo de sustentabilidade e adhesión á tradición”.
Pero o gran protagonista, a pesar do esquecemento das administracións, foi o Camiño dos Faros. Tivo que ser Miguel Reguero, representante de OLIMAR, unha turoperadora situada en Colonia especializada en España e que opera con Rutas Meigas, o que, xunto a Picallo, recollía un dos premios outorgados pola ITBerlín ás candidaturas españolas. A emblemática ruta da Costa da Morte gañou un dos seis galardóns entregados polas 159 axencias e turoperadores, no que supón un galardón de dimensións mundiais para a comarca.
Cruceros para Cee
Un dos contactos realizados plo Cluster foi Ruben Arauxo de Easy Galicia, axencia especializada en cruceros. Picallo asegura que volverán parar en Cee.
As cifras da feira, que se celebra dende 1966, falan por si soas. Na última ITB Berlín, en 2019, participaron preto de 10.000 expositores de 181 países, e recibiron 160.000 visitantes, dos cales 113.500 eran visitantes profesionais, o que dá unha idea do magnífico escaparate que representa a feira de Berlín para mostrar ao mundo os beneficios de Galicia e o seu inmenso atractivo turístico.