Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Consellería e o sector bateeiro dispostos a negociar un maior control da extracción da mexilla

A Consellería e o sector bateeiro dispostos a negociar un maior control da extracción da mexilla

Continúa a loita dos percebeiros da comarca para controlar a extracción da mexilla. A raíz dunha demanda da Confraría de Corme, numerosas agrupación de percebeiros e confrarías de todo o país estanse sumando a esta demanda, facendo valer a idea de que “o mellor percebe medra no medio do mexillón”.

A problemática radica na absoluta liberdade que teñen os extratores de mexilla (que serve de semente para as bateas de mexillón) para traballar onde lles pareza, sen necesidade de pedir permiso á confraría de turno.

Xa son a día de hoxe 15 confrarías as que amosan o seu apoio á de Corme para comezar a regular e estanlecer certos mecanismos de control a esta extracción. O Grove, Baiona, Aguiño, O Pindo, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camelle, Camariñas, Laxe, Corme, Malpica, Caión, Ferrol, entre outras, están unidas neste proceso formando xa un importante músculo.

Un proceso que parece que vai dando pasiños, como comprobou o propio patrón maior de Corme, Roberto Souto Vidal, nunha reunión a semana pasada arredor do polbo e a xarda na Federación Galega de Confrarías. Souto informouse de que xa houbo os primeiros contactos entre a Federación coa Consellería e co sector bateeiro, e parece que son positivos, co interese de comezar a negociar para establecer un marco regulador da extracción.

”Agora, se non cedemos o brazo, deberían regular, polo menos que permitan que non poidan vir as zonas de veda do percebe”, explica Souto Vidal que lembra batería de propostas que levan á Consellería. Espera que a cousa saia adiante porque “dende o ano 2000 levamos as confrarías do país loitando por este tema, pero ata agora non se fixo absolutamente nada”. Agora, “haberá que estudiar as propostas, e se todos estamos dacordo, para adiante”.

Novas relacionadas

Comentarios