Empresarios e políticos “fan territorio” dende a “identidade” no Encontro do Turismo da Costa da Morte

Potente e imponente evento o organizado pola CMAT, o ente publico-privado xestor do xeodestino da comarca, esta tarde de martes 11 de novembro. O Pazo de Vilar de Francos acollía a V edición do Encontro do Turismo da Costa da Morte, un evento que, co apoio financieiro da Xunta de Galicia, serve para sacar peito do bo estado de saúde da relación publico-privada.

Porque en realidade trátase dunha cita para que os representantes políticos e os axentes empresariais compartan inquedanzas. Un espazo onde ademas os políticos de diferentes cores tecen relacións de coordialidade, como se demostrou coa benvidade que tanto o director xeral de Turismo, Xosé Merelles, como o presidente da CMAT, José Manuel López Varela, ambos populares, deron de maneira agarimosa ao novo alcalde de Carballo, o nacionalista Daniel Pérez.

Na primeira parte do acto, diferentes representantes políticos da comarca foron pasando polo micro, botándose en falta a voz dalgún deses numerosos empresarios, cada vez máis presentes e implicados no desenvolvemento do sector. Moi interesante ver a presenza de moitas das poucas técnicas de turismo coas que contan os nosos concellos (outro dos grandes cabalos de batalla do sector) así como profesionais da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, co obxectivo posto no Eclipse de 2026, unha oportunidade fantástica para o noso destino Starligh, como destacaron varios ponentes.

Nesa serie de discursos faltou o da presidenta de Paradores, que non puido estar problemas nos enlaces de avión, pero que viña a anunciar que o Parador de Lourido abrirá un mes máis a partir deste 2026. Unha petición realizada polo sector precisamente no Encontro do ano pasado:

Artesanía e identidade

Representantes políticos coas palilleiras homenaxeadas

Unha das principais ideas que trasladou a CMAT, a través do seu presidente, é a necesidade de que non perdamos a nosa esencia. López Varela dixo que xa somos “un destino maduro, forte e unido”, e apuntou que unha das conclusións desta directiva é a necesidade de “facer máis protagonista a poboación local. Queremos refrendar a idea de pertenza e identidade, facer froxectos de abaixo arriba”, e ese enfoque dase por exemplo, co recoñecementos dos oficios, como quixo facer onte a entidade coas palilleiras de toda a comarca, que amenizaron co seu repicar o comezo da xornada, e recibiron un detalle da Olería de Buño, feito polo Taller Feituras. De artesás a artesás.

Avanzou o tamén alcalde da Laracha ademais que a entidade vai poñer en marcha un proxecto educativo que amose unha imaxe de comarca en común, porque considera necesaria unha “promoción máis unificada, cunha mensaxe coherente e compartida”, pero non avanzou se a presenza costeira na FITUR será máis unida que nos últimos anos. “Sigamos facendo territorio”, rematou.

Emoción e autenticidade

Marta Lado, a nova Embaixadora na Costa da Morte

“Non esquezamos o que somos, porque somos unha terra acolledora e orgullosa”, destacou Marta Lado ao ser escollida como a terceira Embaixadora da Costa da Morte, un cargo vitalicio que exercerá con paixón. Porque máis auténtica que a actriz fisterrá é difícil selo, e o feito de como transmite ese sentimento de pertenza por todo o país faille ser máis que merecedora deste recoñecemento.
Emocionouse ao recibir como agasallo un fermoso pano de encaixe feito polas palilleiras da comarca, casando moi ben con ese “orjullo” de poder volver ao ser “refuxio”. Pero tamén deixou os deberes enriba da mesa. “Temos un privilexio de vivir nesta terra, pero tamén temos deberes: Temos que coidala, mantela, que siga sendo autántica, temos que querer criar aquí aos nosos fillos, e para iso temos que dotala de servizos públicos seguridade, de emprego, ”de innovar sen destruír”, destacou.

Nesa mesma clave de “refuxio” falou a invitada musical, unha Antía Muíño que xa é unha potencia internacional, pero que se sentiu moi agradecida de ser escollida na que entende como unha das súas casas, onde sempre volve para refuxiarse e a sentirse a gusto. Ese espazo ao que lle dedica a peza “Beleza” do seu novo disco. A baiesa-compostelá lanzou tres fermosos temas, que deixou atónitos a un público pouco habitual, entre os que non faltou a súa versión do Alalá de Muxía.

De sostibilidade a colaboración

Da man do presentador, Fran Rodríguez, foron pasando polo micro os representantes políticos de diversas administracións. O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, fixo de anfitrión falando en clave de sostibilidade.
Falou Xosé Regueira, o carballés vicepresidente da Deputación e responsable da área do turismo. Si fixo mención á importancia das técnicas e técnicos de turismo (como deixando entrever as axudas que ofrece a Deputación aos Concellos para mantelas todo o ano), e puxo en valor o salto de calidade que pegou o sector privado neste 2025, así como o bo entendemento que están acadando as administracións de diferentes cores políticas, así como co propio empresariado.

Tamén falou das altas ocupacións, e da mellora da calidade do sector, o director Xeral de Turismo, Xosé Merelles, “un namorado” da nosa comarca, fixo unha viaxe polos datos, destacando que entre xaneiro e setembro, visitaron o noso xeodestino un total de 117.061 viaxeiros, e puxo en valor o Camiño de Santiago como gran porta de entrada de visitantes.

Quixo o presidente da APCTM, Pepe Formoso, poñer en valor o papel do asociacionismo. Destacou que xa son 200 as empresas asociadas á patronal do sector, que ascenden a 500 se contan os socios das diferentes asociacións adheridas á APTCM.
Incidiu na mensaxe que leva lanzando o colectivo nos últimos anos: “r que r, repentido que os nos meses con r o noso peixe e o noso marisco están mellor que nunca”.
Con todo, tamén quixo deixar camiño por andar, considerando que o sector comarcal aínda non pode falar de ter “velocidade de cruceiro”, senón máis ben de irmos “a remos”. Temos que mellorar, pero sempre todos da man”, incidindo de novo na colaboración publico-privada.

Tecendo redes

Despois das locucións dos representantes, seguramente a segunda parte do evento, a dos pinchos, é a máis importante, porque favorece o intercambio de experiencias entre profesionais, entidades e administracións, un espazo de ‘networking’ onde as persoas que están detrás de cada un dos sectores, se coñecen e facilitan a construción de proxectos en común que sirvan para que a comarca siga medrando.

Máis novas