O presidente da CMAT: "O Encontro Anual de Tursmo serve para reforzar a unión do sector e proxectar unha imaxe conxunta de destino de calidade"
- "O eclipse solar total do 12 de agosto de 2026 vai ter un papel protagonista na programación da CMAT".
- "O que queremos e defendemos é unha marca única: Costa da Morte"
Este vindeiro martes 11 de novembro, o Pazo de Vilar de Francos, en Carballo, acolle o V Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte. Unha cita relevante que xuntará varios centos persoa vinculadas co sector turístico para favorecer o intercambio de experiencias, fortalecer a colaboración entre entidades, fomentar sinerxías e consolidar unha rede de traballo conxunto en favor dun turismo sostible e de calidade.
Falamos co presidente da CMAT, o alcalde da Laracha José Manuel López Varela, sobre o encontro e sobre a relación público-privada dunha entidade coma esta.
– Que significa este Encontro para o sector turístico?
O Encontro é unha oportunidade magnífica para poñer en valor todo o potencial turístico da Costa da Morte. É un momento para compartir experiencias, coñecer novas ideas e, sobre todo, para seguir difundindo o que temos tanto desde o ámbito público como desde o privado. A Costa da Morte é un territorio con moito que ofrecer, e este tipo de citas serven para reforzar a unión do sector e proxectar unha imaxe conxunta de destino de calidade.
– Como ve o estado de saúde da relación entre o sector privado e o sector público?
Penso que goza de boa saúde, pero debemos seguir coidándoa día a día. É imprescindible que haxa colaboración entre os dous sectores porque só así se xeran sinerxías e oportunidades en beneficio de todos. A administración pode marcar o rumbo, pero sen o apoio das empresas, sen os profesionais que ofertan os produtos e servizos, non hai proxecto que avance. Por iso temos que continuar traballando xuntos para aumentar o atractivo turístico da Costa da Morte e para que cada vez nos visiten máis persoas.
– Por que costa tanto involucrar ao sector privado, ás empresas pequenas, na participación nos entes de xestión?
No noso caso non temos ese problema. Na CMAT o modelo está a funcionar ben e o sector privado está implicado. De feito, na propia directiva da CMAT están representados pola asociación APTCM que agrupa a profesionais e empresas de turismo da Costa da Morte, e iso axuda moito a ter unha visión máis completa. É importante que o sector privado sinta que forma parte do proxecto, que pode opinar e achegar propostas que serán tidas en conta, porque só así se constrúe un destino sólido e sostible.
– Ademais do destino Starlight, que entendemos vai ser prioritario, cales van ser as liñas de acción do Xeodestino para o vindeiro curso?
A nova directiva acaba de comezar o seu camiño, así que agora estamos nun proceso de análise e de consenso para definir as liñas de acción. Queremos escoitar a todos os axentes e decidir con sentido común cales son as prioridades. O que si podemos adiantar é que o eclipse solar total do 12 de agosto de 2026 vai ter un papel protagonista na programación da CMAT. A Costa da Morte será un dos mellores lugares do mundo para vivilo, e iso é unha oportunidade única para situar o noso territorio no mapa internacional do turismo astronómico.
– Que se espera da Costa da Morte en FITUR? Conflúe a comarca no envío dunha mensaxe unánime arredor da nosa mellor marca (Costa da Morte) ou volveremos ver tantas submarcas como concellos se presenten na feira?
O que queremos e defendemos é unha marca única: Costa da Morte. É o que nos identifica e nos une. Cada concello ten a súa personalidade, os seus recursos e o seu encanto, pero o turista non entende de límites administrativos. Os que veñen queren vivir unha experiencia completa e descubrir o territorio no seu conxunto. Por iso é importante que a mensaxe sexa unha soa, que falemos todos coa mesma voz e baixo a mesma marca, porque esa é a forza que nos pode facer avanzar e destacar nun mercado tan competitivo.





