Martes. 23.04.2024
El tiempo

Evaristo e o Corredor de Fisterra

Evaristo e o Corredor de Fisterra
Mapa de localizatodo do Corredor de Fisterra un 1 de setembro Mapa de localizatodo do Corredor de Fisterra un 1 de setembro Dentro de pouco tempo dará comezo a temporada de outono-inverno do lixo mariño. Deixaremos atrás as enchentas e a festa rachada. A marea humana abandonará as praias e no seu refluxo deixará na area toda sorte de refugallos plásticos, nunha mostra máis de desleixo e indiferencia para unha natureza que lle deu acougo e benestar neste cálido verán.. Entón entraremos nós en xogo, as asociacións de voluntarios e veciños da zona que coidamos e facemos a custodia deste territorio que tamén é de todos. As actividades recreativas en praias e ríos seguirán tamén este ano a ser unha parte importante da contaminación do medio mariño que ven da terra firme e que constitúe a nivel mundial unha porcentaxe do 80% do lixo total que chega aos océanos. Pero eu sigo coa miña teima de que nas costas de Galicia a cousa é diferente. A contaminación producida polas actividades industriais no propio mar ten tanta importancia coma no Mar do Norte, onde chega acadar o 40% do total. O outro día coincidín con Evaristo nunhas xornadas de posta en valor da nosa natureza, da riqueza das nosas costas e da nosa paisaxe. Evaristo é un rapaz valente que fíxose armador dun buque de pesca deixando de lado unha prometedora carreira profesional na mariña mercante. Como fago sempre, saquei a relucir a contaminación na Costa da Morte dos envases plásticos que se botan ao mar desde os barcos que navegan polo Corredor Marítimo de Fisterra. Falei das moitas probas dos delitos que gardo no meu cabanote, todo tipo de envases, sempre con caracteres exóticos. Contei, como fago sempre, a anécdota (que para mín non é tal) dos seis bidóns de plástico que un día de inverno atopei, baleiros, un tras outro na praia de Baldaio e un séptimo idéntico aos outros, ao día seguinte, no museo do alemán en Camelle. Nas súas etiquetas, os pictogramas mostraban todos os graos de toxicidade e perigo. As instrucións estaban nuns caracteres que eu coidei eran chinos pero resultaron estar tamén en xaponés e coreano. Abraiado polo achado, tirei conclusións. A orixe estaba clara: viñan dun barco mercante desde o Corredor de Fisterra. E automáticamente pensei... se eu, un individuo só, fago tal descuberta, por un simple cálculo de probabilidades, que sorte de lixo plástico pode estar a chegar ás nosas costas desde algúns dos 40.000 barcos ao ano que navegan por diante de nós? Qué outros envases con caracteres exóticos recollerían outros coma eu que andan pola ribeira ou cantos estarán sen recoller entre os bolos dos coídos ou na area ? Evaristo mostrou o seu desacordo conmigo. Comentou que nos barcos mercantes hai unhas normas, que se cumplen, para o tratamento do lixo a bordo baixo as instrucións do capitán e que non se tiran plásticos ao mar. Eu estou de acordo. O convenio Marpol anexo V prohibe expresamente botar plásticos ao mar. Pero hai unha serie de razóns, entre elas factores de tipo psicolóxico, que fan que estas normas non se garden de todo. Sempre haberá alguén que se salte as normas. E ese delito ecolóxico pódese cometer en pleno océano ou cando o barco navega ao longo do Corredor Marítimo de Fisterra. Eu non quero polemizar con Evaristo. Gardo un fondo respecto por todos os homes que traballan nos barcos pesqueiros e gardo respecto tamén pola súa experiencia de navegación en barcos mercantes. Pero eu tamén naveguei anos nos barcos de carga e sei do que falo. Confío que nalgún momento podamos atoparnos de novo neste territorio que ambos os dous compartimos e teñamos ocasión de seguir falando. Mentres tanto, envíolle un cordial saúdo a este bo profesional da mar.  

Outros artigos de Xosé Manuel Barro

Novas relacionadas Fonte

Comentarios