Investigan a morte por disparo dunha loba en Coristanco



Os axentes medioambientais do Distrito II (Bergantiños-Mariñas Coruñesas) investigan a morte por disparo dunha loba no lugar da Rabadeira, na parroquia de San Mamede de Seavia, no concello coruñés de Coristanco. O cadáver foi retirado o pasado sábado 24 e presentaba mostras evidentes de que a morte se debeu a un disparo.
Os axentes recolleron na zona os indicios que poidan permitir dar co autor destes feitos. O disparo, presuntamente, efectuouse na zona de seguridade próxima ás vivendas do lugar da Rabadeira e en dirección a unha estrada.
Ademais do disparo que supostamente causou a morte da loba, o cadáver presentaba varios orificios nas patas traseiras coa apariencia de ser ocasionados por perdigóns. Non obstante, son dunha ocasión anterior á data da aparición do cadáver.

Contra a lei
Os feitos constitúen diversas infraccións á Lei de Caza de Galicia.
O colectivo profesional que ten o cometido de preservar a flora e a fauna lembra que está prohibido abater un lobo sen a correspondente autorización. Ademais, cómpre sinalar que estamos fóra da tempada de caza.
Poucos ataques do lobo, o único método de control do xabarín
Segundo a información dispoñible, non existen reclamacións nos últimos anos na zona a causa de danos producidos por esta especie, polo que non hai ningunha xustificación para este suceso. Os axentes medioambientais sinalan que este animal é o único preeiro que pode controlar a poboación de xabarín, que si ocasiona danos nos cultivos agrícolas da zona.
Colaboración cidadá
Á espera dos resultados da necropsia, os axentes medioambientais solicitan a colaboración cidadá para que calquera persoa que teña algún dato do suceso se poña en contacto do Distrito II da comarca de Bergantiños ou que acuda á oficina comarcal do distrito ambiental, situada no edificio Fórum de Carballo.Novas relacionadas
- Cara a cara co lobo.
- Chisco Lema caza o lobo.
- Chisco Lema participa nas Xornadas do Lobo.
- Francisco Santiago López lanza unha serie de vídeos sobre o lobo no seu canle Signatus Films.
- Signatus Films caza o derradeiro lobo ibérico na Costa da Morte.
- Breve etoloxía do lobo ibérico por Francisco Santiago López na Costa da Morte.
Máis novas
- 8.000 sinaturas e numerosas entidades da Costa da Morte únense á loita contra o Campionato de España de Caza do Raposo.
- Fotodenuncia: Así anunciamos o comezo da temporada de caza do raposo?.
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).