Jesús Picallo nomeado novo Vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia

Jesús Picallo no Semáforo de Fisterra

Boa nova para a Costa da Morte, a posibilidade de termos voz nas altas entidades que deciden o futuro do turismo do país. Xa leva tempo formando parte do equipo directivo co Clúster, pero hoxe o Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia vén de anunciar a designación de Jesús Picallo Santos como novo Vicepresidente da institución.

Picallo, actual presidente da Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, Solpor, responsable do Hotel Semáforo de Fisterra e promotor do proxecto en marcha do Hotel Faro de Lariño foi proposto polo actual presidente, Cesáreo Pardal, e substitúe no cargo a Héctor Cañete. O seu nomeamento será levado á próxima Asemblea Xeral para a súa ratificación.

”Trátase dunha persoa que se soubo gañar o respecto e a admiración da industria do turismo de Galicia polo seu talante conciliador e pola súa capacidade de emprendimiento e modernización da actividade hosteleira”, describen dende a entidade.

”O nomeamento prodúcese nun momento de grandes retos para a industria turística, sometida ás consecuencias das medidas que se adoptan para frear a pandemia e pendente dun proceso de recuperación nun novo escenario e en plena celebración do Xacobeo”, salientan.

Bo reto o que ten por diante un dos empresarios máis visibles da nosa comarca.

Novas relacionadas