Medio millón para arrincar a primeira fase do Proxecto Anllóns: unha gran senda verde de 53km

Ademais de Xose Regueira, participou na xuntanza de onte os alcaldes de Coristanco, Juan García Pose; de Cabana, José Muíño Domínguez; de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez; e da Laracha, José Manuel López Varela; a concelleira de Ponteceso, Susana Toja, e técnicos de turismo da Deputación e da empresa EOSA Estrategia y Organización S.A, a encargada de realizar esta primeira fase do proxecto.

Paso a paso vai o Proxecto Anllóns, esa iniciativa supramunicipal para recuperar o patrimonio natural e cultural arredor do río bergantiñán. Era presentado en xuño do pasado ano e xa en outubro constituíase o Consello de Dirección.

Esta semana, a área de Turismo da Deputación da Coruña que dirixe Xosé Regueira, vén de anunciar un investimento de medio millón de euros para executar a primeira fase do Proxecto Anllóns. Fíxoo despois de presentar onte na casa do Concello de Cabana, os traballos sobre a diagnose medioambiental da contorna e da proposta de actuacións turísticas sustentables.

Accións para a senda verde

As primeiras intervencións do plan proxectadas que se coñeceron son:

  • Control e erradicación de especies esóxenas invasoras.
  • Retirada de árbores mortas e limpeza xeral no leito e nas ribeiras.
  • Rehabilitación dos muíños abandonados ao longo do río.

Con estes tres pasos iniciativas, poderase desenvolver o deseño e construción dunha gran senda verde, duns 53 quilómetros, que atravesará os cinco concellos polos que pasa o río: A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.

Financiamento

Esta actuación global está orzamentada, inicialmente, en algo más de 1,2 millóns de euros, dos que a Deputación ten consignada xa unha axuda de 500.000 €, repartida en dúas anualidades: 240.000 € en 2022 e os outros 260.000 en 2023. O Consello de Dirección da Comunidade Intermunicipal do Proxecto Anllóns pretende conseguir o resto do financiamento con cargo aos fondos europeos Next Generation.

“Ademais de mellorar a saúde do río e a calidade da súas augas, pretendemos facer do curso completo, desde o seu nacemento até a súa desembocadura, un recurso aberto á sociedade, andable e transitable en bicicleta polas ribeiras”, explicou ou presidente do Consello de Dirección do Proxecto Anllóns, vicepresidente da Deputación e responsable do departamento provincial de Turismo, Xosé Regueira. “Queremos”, engadiu, “deseñar un produto sostible, aproveitable desde o punto de vista do turismo, de primeira orde tamén no referido ao seu potencial gastronómico, que sexa relevante na oferta turística fluvial non só xa da Costa da Morte, senón de toda Galiza”.

Novas relacionadas

Outras novas