Non te rebaixes!, outra campaña costeira AntiBlackFriday

Campaña de Sensibilización Anti-Black Friday-Fonte-Alba Louro con IA

Xa sabedes que a familia QPC é máis de comercio local que de #BlackFriday. De feito, non aceptamos publicidade para esta data consumista, e recollemos poñemos en valor as iniciativas #antiblackdriday que se fan na comarca. Temos falado da campaña anticonsumista do ano pasado do Concellode Muros promovendo o Consumo Consciente, ou de campañas singulares por empresas do noso mar.

A roda do consumo impulsivo

Este ano son poucas as iniciativas empresarias concretas que nos chegan en contra da “efeméride”. Por exemplo a de “UPA! Espazo Barefoot” de Carballo, que rexeita a xornada de grandes descontos, “creada polas grandes multinacionais para manter unha roda que xira cada vez máis rápido e que empurra ao pequeno comercio a participar nun xogo que non foi creado para el”. “Somos un espazo pequeno, feito de mans que cren no valor do traballo ben feito, na sostibilidade e na honestidade como forma de estar no mundo. Por iso, non imos facer Black Friday”, sentenzan. “Non imos participar nun xogo no que moitas veces se vende á perda, no que se normaliza o consumo impulsivo e no que parece que hai que competir por quen baixa máis os prezos, aínda que iso supoña desvalorizar o propio traballo”.

Espazo Barefoot Carballo

 

Cifras

Facendo un pouco de marco do que implica esta data para o comercio local, CCOO vén de presentar un informe no que analiza en profundidade o modelo laboral do sector comercio e o incremento da presión organizativa e de cargas de traballo que supón esta campaña para miles de persoas traballadoras. Por aínda que o gasto medio previsto para o Black Friday en Galicia sitúase en 236 euros (un 21 % menos ca o ano anterior e un 15 % por debaixo da media estatal), o comercio minorista apenas pode incrementer o seu persoal nun 1,14%, o que supón un emprego máis feble e un aumento da precariedade estrutural.

”Non te rebaixes!”

Así, con todo este panoraman, quedábamonos cunha campaña de sensibilización que propón a carnotá Alba Louro no seu Traballo de Fin de Grao da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo. “Non te rebaixes!” pretende afondar na “necesidade dunha comunicación máis ética e consciente, e na “reflexión crítica sobre os hábitos de compra actuais e incentivar un consumo máis consciente e sostible. Búscase influír na percepción do consumidor dende unha resposta emocional e racional para fomentar nel un cambio de perspectiva”.

A campaña busca ”paralelamente, visibilízar comercio local como alternativa ética, próxima e responsable fronte ao modelo actual. Este enfoque permite repensar a publicidade como axente de transformación social, capaz de xerar conciencia e acción”.

”Busco fomentar a compra por decisión propia e desmentir a crenza de que as grandes promocións en datas comerciais como o Black Friday representan un verdadeiro aforro para os consumidores, xa que en numerosas ocasións conducen a un gasto excesivo e sen meditación”, debulla Laura no traballo. “Levalos a reflexionar e a que sexan coñecedores de que realmente están sendo condicionados por unha sensación de urxencia e obrigación de compra que se transmite a través de puro márketing e dunha boa publicidade”.

”Cantas veces vas vender o teu criterio por unha etiqueta vermella?“, remata o lema.

Campaña de Sensibilización Anti-Black Friday-Foto-Alba Louro con IA

Outras novas antiblackdriday