Muros volve loitar contra o consumismo cunha campaña sobre economía sostible e comercio local
O Concello de Muros puxo en marcha o ano pasado unha campaña para reivindicar o consumo responsable e o comercio de proximidade, facendo fronte a outras tendencias propias do mes de novembro, como o Black Friday.
‘Muros Consciente’ regresa este ano, “cunha gran implicación de todo o concello que agradezo”, explicou esta tarde a alcaldesa, María Lago, nun acto no mercado municipal para presentar as accións desta campaña que nace da man dos axentes económicos activos da vila.
“Esta iniciativa naceu o ano pasado como unha campaña para concienciar sobre a necesidade dun consumo sostible, ademais de apoiar ao comercio local a loitar contra as prácticas consumistas desta época nas grandes superficies”, engade a alcaldesa, “e tras a implicación que tivo o comercio local o ano pasado, este ano queremos implicar á hostalaría e por suposto á comunidade educativa e a veciñanza”.
Laura Rivadeneira, concelleira de Ensino e Promoción Económica, destaca “a colaboración dos centros educativos, o que é fundamental para o éxito de ‘Muros Consciente”, e convida á hostalaría “a participar na actividade do 2 de decembro, onde coñeceremos proxectos e experiencias innovadoras en materia de economía cicular”.
A campaña, promovida polo Concello de Muros coa dirección creativa do Espazo a Maceta, céntrase este ano nas estratexias de economía circular, enfocadas na xestión e reducción de residuos na hostalaría local.
Programa
‘Muros Consciente’ involucra a todo o Concello, levando a cabo actividades como un museo en baixos sen alugar; obradoiros nos centros educativos e coa hostalaría; roteiros pola vila; actividades de lecer como o ioga; presentacións de proxectos inspiradores, e unha gala que terá lugar o vindeiro 29 de novembro, onde se reunirán varias asociacións para celebrar os beneficios que traen ao pobo co seu traballo.
O mar, tamén
Non falta a a empresa Fresco y del Mar, unha das grandes pioneiras destas campañas. “O ceo azul, o mar azul e pesca sustentable. Nunca Negro, sempre Azul”, é o lema deste ano do antibrackfriday da peixería en liña de Muros que envía marisco e peixe fresco a toda España lanza a súa campaña contra o Black Friday.
A compañía, por quinto ano consecutivo, pecha a súa tenda en liña o venres 29 de novembro como a protesta. Ademais, destinará o 10% das súas vendas ao longo da semana de Black Friday -entre o luns 25 de novembro e o xoves 28 de novembro- ás doazóns para axudar aos afectados por DANA na Comunidade Valenciana mediante de Cáritas Muros.