Nova convocatoria das axudas a ONG da Deputación que permitiron mellorar a captación de auga en Costa de Marfil

Egueire instalando unha captación de augas en Costa de Marfil coa axuda da Deputación

Este depósito que vemos na imaxe, así como as obras de canalización de auga para o proxecto agropecuario en N´Zida (Costa de Marfil), foi desenvolto pola ONG Egueire. A entidade mazaricá está realizando unha acción exemplar en terras africanas, formando dous mozos no EFA Fonteboa e colaborando economicamente para desenvolver un proxecto agrícola autosuficiente e autoxestionado.

O Depósito foi adquirido gracias ás axudas do pasado ano da Deputación da Coruña, sendo un dos 17 proxectos de África, Sudamérica, Centroamérica e India nos que a entidade provincial quixo poñer o foco.

A Deputación volve abrir unha liña de axudas cun orzamento de 230.000 euros para ONGs da provincial, para financiar proxectos de axuda ao desenvolvemento e cooperación exterior en América Latina ou África.

As bases destas axudas, publicadas no Boletín Oficial da Provincia, está aberta á concorrencia das entidades que traballen no campo da cooperación internacional, a axuda humanitaria e á educación para o desenvolvemento e que teñan domicilio social na provincia da Coruña, e establecen dúas liñas de subvencións diferenciadas, unha para o financiamento de actividades, dotada con 115.000 euros, e outra para investimentos, cun orzamento doutros 115.000 euros.
As entidades participantes poderán solicitar axudas para o financiamento de actividades ata un importe máximo de 20.000 euros, mentres que no apartado de investimentos o importe máximo a financiar será de 32.000 euros. A Deputación achegará entre o 20% e o 80% do total do orzamento de gastos estimado.

Novas dos proxectos de Egueire