Martes. 23.04.2024
El tiempo

“Os escritores de hoxe en día movémonos con absoluta comodidade tanto na galaxia de Gutenberg coma na online”

“Os escritores de hoxe en día movémonos con absoluta comodidade tanto na galaxia de Gutenberg coma na online”
  O escritor pontecesá Miguel Anxo Mato Fondo (Ponteceso, 1953) reside na Coruña desde hai moitos anos, cidade na que traballou como profesor de Lingua e Literatura Galega. Agora, recen xubilado, dedica a maior parte do seu tempo libre a estudar e a escribir. Adeus, capitán Walton, é o seu último libro, no que xunta unha serie de relatos protagonizados na súa maioría por mulleres. En decembro comezará a distribuirse nas librarías. Falamos con el.
  • Karen Blixen, Catarina, Teresa e Lorelai son as protagonistas de ‘Adeus, capitán Walton’. Porque esta temática feminista?
Isto é algo que sempre está na miña obra, e non sei moi ben porque. Quizais por lecturas, xa que as miñas escritoras favoritas son mulleres.... Pero digamos que emprego a voz feminina para esconder a miña voz detrás dela.
O fío condutor na literatura sempre é o estilo literario
  • Cal dirías que é o fío condutor dos textos?
Non sei que dicirche aquí, porque os relatos son bastante diferentes entre si. Penso que o fío condutor na literatura sempre é o estilo literario máis cós argumentos. Nos meus relatos creo que é importante resaltar o símil literario que hai, presente en cada un deles. Trátase de relatos que non teñen practicamente argumento. Teñen principio e final, pero ben podería ser o final o principio, e viceversa. Son momentos que presentan unha gran diversidade de técnica narrativa, baseándose na descrición e no monólogo interior en primeira persoa.
  • Entón, como definirías a obra?
Diría que son diferentes momentos da vida de moita xente que, neste caso concreto, son mulleres, pero que tamén poderían ser homes.
  • E máis alá deste libro en concreto, cres que hai espazo para a lectura do libro físico na era do dixital e as novas tecnoloxías?
Este é un tema moi peliagudo [ri]. Eu creo que si! Eu agora mesmo utilizo todos os medios para escribir, xa sexa con pluma estilográfica sobre papel ou no portátil. Cando comezou o boom do dixital eu dicía que non vía iso de escribir un poema nun ordenador, e hoxe en día xa me parece absolutamente normal. A día de hoxe, escribo notas coas pluma na miña libreta e logo pásoa ao ordenador, ou mesmo escribo na aplicación do móbil. Fágoo indistintamente. E en canto á lectura, de preferir...prefiro un libro de poemas en papel pero, por exemplo, o ensaio é un xénero que leo moito en dixital e descargo moitos textos e teses de doutoramento por este medio. Creo que hoxe en día os escritores somos bastante eclécticos, isto é, movémonos con moita comodidade tanto na galaxia de Gutenberg como na galaxia online.
  • E de cara ao futuro, que proxectos tes entre mente?
Si, estou cun libro que se vai chamar O lector do paraíso, que xa teño moi avanzado. Trátase dun libro de memorias. É literatura memorialista escrita en primeira persoa.  

Comentarios