"Para o PP a Costa da Morte segue servindo para vir de vacacións ou a tomar unha caña"
- O deputado do BNG, Oscar Insua fai un balance negativo dos cen primeiros días de goberno galego para a comarca.

O deputado do BNG da Costa da Morte no Parlamento Galego, Oscar Insua, fixo unha valoración negativa dos cen primeiros días de goberno da Xunta do PP para a comarca, afirmando que “en realidade, non son cen días, son quince anos continuados de políticas que esquecen a nosa comarca e que provocan o abandono desta zona periférica, porque non se implementan accións para fomentar a actividade industrial distinta a instalacións de parques eólicos, nin se apoia ao tecido industrial co obxectivo de aumentar o emprego da nosa veciñanza, que se ve abocada a emigrar ao estranxeiro ou ás cidades, en porcentaxes que só se teñen visto no século pasado”.
O representante nacionalista considera que "a Xunta condena á Costa da Morte a converterse nun parque temático de turismo durante tres meses no verán, dependente do sector servizos, esquecendo ao sector primario, que non para de pechar granxas, ou deixar de ir traballar no mar, como no caso da pesca do abadexo en Fisterra ou das mariscadoras en Camariñas”.
Insua cre que a peor parte do balance recae na área de infraestruturas, “que seguen como estaban hai tres meses e hai seis anos”, e subliñou que os incumprimentos “son visíbeis e patentes, despois das promesas do PP e de Rueda escoitadas na campaña electoral”. Destacou que o remate do tramo entre Salto e Berdoias vai quedar sen executar este ano, “a pesar de que venderon que destinaban 2 millóns de euros no orzamento do 2024, e a eterna promesa convértese día tras día nunha mentira que só lles serve para enganar aos seus votantes e para castigar e ter máis incomunicada á Costa da Morte”.
Lembrou outros maltratos como "o abandono do porto de Brens, obra que custou máis de 20 millóns de euros, e que a Xunta infrautiliza e do que elimina elementos importantes como a grúa de descarga; ou o porto deportivo de Corcubión”, e lembrou que son proxectos “que forman e formaron parte das promesas políticas hai máis de 20 anos, e que o PP non se digna a executar”.
Recordou tamén o asunto dos centros de día e a problemática cos pediatras.
Insua manifestou que “é unha tomadura de pelo que as únicas obras que fan son mellorar as paradas de autobuses, cando o servizo de transporte é un auténtico desastre e está totalmente desmantelado na comarca, a xente maior non sabe os horarios, e para ir agora a Santiago desde Fisterra, lévanche de paseo durante tres horas por Muros e Noia, unha vergoña”. O deputado corcubionés engadíu que “as promesas do PP para a Costa da Morte son o que son, mentiras e incumprimentos, que só sirven para enganar aos seus votantes e para seguir castigando a unha comarca que destinan ao despoboamento, e que para eles só existe cando veñen de vacacións ou a tomar unha caña ao faro”.