A programación da Deputación neste 8M chega ata Carballo, Muros e Muxía
A Deputación da Coruña conmemora este ano o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, cunha programación que combina memoria, igualdade e participación social, cun eixo común: o poder colectivo das mulleres para transformar a sociedade. O obxectivo da iniciativa é poñer en valor a forza que sostén a vida comunitaria e impulsa cambios reais, mesmo cando non sempre é recoñecida.
Entre as actividades previstas figura o concerto 'Vacanal Sinfónica', co que o grupo De Vacas celebra o seu décimo aniversario. O espectáculo desenvolverase este sábado 7 de marzo, ás 20:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, e contará con arranxos de Lucas Rei, coa participación do Coro da Ra baixo a dirección de Ramón Bermejo e cunha orquestra creada especificamente para este proxecto.
Nos próximos meses levarase a cabo ademais unha adaptación para interiores da exposición ‘Sinaladas’, da xornalista e investigadora Montse Fajardo. A mostra percorre cen anos de loita das mulleres galegas a través de 39 paneis distribuídos en tres bloques temáticos: o período anterior ao golpe de Estado; a loita contra a ditadura, coa participación antifascista, o apoio á guerrilla, o exilio e as violencias específicas exercidas contra as mulleres; e o tempo posterior, que aborda as consecuencias da ditadura, as loitas laborais e as primeiras iniciativas do feminismo, entre outros aspectos. A exposición presentarase en cinco concellos da provincia: Coirós, Moeche, Muros, Muxía e Sobrado.
Ademais destas propostas, ao longo dos vindeiros meses desenvolveranse múltiples actividades en concellos da provincia, con obradoiros, teatro, contacontos, proxeccións de curtas e propostas para público infantil e adulto. As accións contarán coa participación de compañías e entidades comprometidas coa igualdade, o feminismo e a diversidade. A información completa poderá consultarse a través da web e das redes sociais da Deputación da Coruña.
Por último, a Deputación da Coruña impulsa tamén a avaliación do I Plan Provincial de Igualdade e a diagnose previa á elaboración do II Plan Provincial de Igualdade 2027–2031, co obxectivo de reforzar as políticas públicas de igualdade en toda a provincia.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA DEPUTACION DA CORUÑA POLO 8 DE MARZO DE 2026
Ás portas do 8 de marzo de 2026, esta Corporación volve atoparse nas rúas, nos centros de traballo, nas aulas e tamén nas redes, convocada por unha certeza política e moral: “a igualdade entre mulleres e homes segue sendo unha tarefa pendente”. A ofensiva global contra os dereitos das mulleres, alimentada pola ultradereita e polos discursos negacionistas, pretende presentar a igualdade como un privilexio e non como un dereito democrático básico. Cada paso atrás nos dereitos das mulleres é un golpe contra a democracia mesma.
A realidade das mulleres galegas continúa marcada por desigualdades estruturais no ámbito laboral, económico, social e político. Persisten a fenda
salarial, a precariedade, a feminización da pobreza e a desigualdade nas pensións, situacións que se agravan no rural pola menor dispoñibilidade de
servizos públicos e políticas específicas. Esta Corporación reafirma o seu compromiso firme coa promoción da igualdade real e efectiva e coa erradicación de todas as formas de discriminación.
Vivimos nun mundo atravesado por pantallas, redes e algoritmos que condicionan o traballo, as relacións e mesmo as emocións. Neste novo escenario, as mulleres construímos comunidade, creatividade e resistencia, mais tamén somos obxecto dunha hostilidade crecente. “A machosfera dixital converteuse nunha rede organizada de acoso e odio” que busca expulsar ás mulleres do espazo público. Sete de cada dez mulleres novas sufriron violencia en liña no Estado español, unha violencia que non é menos grave por ser virtual.
As redes sociais convertéronse no principal espazo de socialización da infancia e da adolescencia. Urxe unha coeducación que chegue á esfera dixital, que forme en pensamento crítico fronte aos discursos machistas e que ensine a mirar con ollos feministas os corpos, os algoritmos e as mensaxes que circulan pola rede.
As nenas deben medrar libres de estereotipos e sen seren convertidas en mercadorías para plataformas que se lucran coa súa exposición.
Esta Corporación reitera o seu rexeitamento a espazos que branquean o negocio do sexo e normalizan a explotación sexual ou a cousificación do corpo feminino. É imprescindible educar aos nenos en novas formas de ser homes, afastadas do control, da dominación e da violencia. Do mesmo xeito, alertamos fronte ao rexurdimento de discursos que presentan a submisión feminina como liberación: “a submisión non é empoderamento”.
No ámbito da violencia de xénero, o incremento de feminicidios no ano 2025 e a ausencia de respostas extraordinarias por parte dos poderes públicos
evidencian a necesidade de reforzar as políticas de prevención, protección e reparación. Denunciamos o retroceso, o negacionismo machista e a banalización da violencia, e recoñecemos o papel esencial das redes de sororidade e do feminismo organizado na defensa dos dereitos das mulleres.
A transformación dixital ofrece oportunidades, pero non será liberadora se reproduce as desigualdades de sempre. É necesario avanzar cara a unha axenda feminista para a era tecnolóxica, que inclúa a regulación das plataformas, a responsabilidade das corporacións tecnolóxicas e a protección efectiva da infancia e da adolescencia fronte aos contidos sexualizados e violentos. A igualdade dixital é condición imprescindible para a igualdade real.
O feminismo naceu para conquistar o espazo público e hoxe reivindica tamén a conquista do espazo virtual. Porque sen igualdade na rede non haberá igualdade na vida. Porque o futuro, se quere ser humano, terá que ser feminista. E porque se o patriarcado se reinventa, nós tamén.
Por todo isto, esta Corporación afirma con rotundidade que non dará “nin un paso atrás fronte ao odio e a reacción” e que sempre plantará cara a calquera tipo de violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de selo.