Que o 8M non sexa un paréntese
Esta semana encherase todo de mensaxes polo 8 de marzo. Declaracións institucionais, campañas violetas, actos, fotos, discursos. E eu, que levo 20 anos traballando pola igualdade, sigo tendo unha relación ambivalente con estas datas.
Non porque non sexan necesarias. Senón porque vexo con preocupación que se converten nun paréntese.
Unha semana na que todo se nomea: a desigualdade, a violencia, a discriminación, para despois volver á normalidade. E a normalidade, sabemos ben, non é neutra.
A normalidade é que as mulleres seguimos asumindo maioritariamente a carga de coidados e a carga mental.
Que organizamos axendas familiares mentres intentamos soster carreiras profesionais.
Que pedimos reducións de xornada que penalizan o noso futuro mentres outros non teñen que facelo.
Que seguimos cobrando menos polo mesmo traballo.
Que temos máis contratos parciais, máis temporalidade e menos estabilidade.
Que ocupamos menos espazos de poder e decisión.
Que cando chegamos, temos que demostrar o dobre para que se nos recoñeza a metade.
Que se cuestione a nosa autoridade antes incluso de escoitarnos.
Que a maternidade se perciba como risco profesional e non como responsabilidade compartida.
Que sufrimos maior precarización laboral e máis exposición á economía informal e aos sectores peor remunerados.
A normalidade é que nos interrompan.
Que se apropien das nosas ideas nunha reunión.
Que se nos esixa agradar ademais de ser competentes.
Que o noso aspecto físico siga sendo tema de avaliación pública.
Que se nos sexualice desde idades cada vez máis temperás.
Que as nosas emocións se utilicen para deslexitimar as nosas posicións.
A normalidade é calcular rutas ao volver á casa. Vixiar bebidas. Compartir localizacións.
Avisar ao chegar.
Medir palabras en reunións.
Moderar opinións nas redes para evitar o linchamento dixital.
Pensar dúas veces antes de publicar.
Bloquear, denunciar, silenciar para poder seguir.
A normalidade é convivir con distintas formas de violencia —física, psicolóxica, sexual, económica, obstétrica, vicaria, simbólica e dixital— que medran mentres se banalizan, se relativizan ou directamente se negan.
E aquí está a clave: estamos nun momento crítico. Complexo. Os discursos antifeministas medran. Os dereitos cuestiónanse. Instálase a idea de que xa está todo conseguido ou, peor aínda, de que reclamar igualdade é unha esaxeración e de que xa chegamos demasiado lonxe coas nosas aspiracións como mulleres.
E ante isto debemos recordar que os dereitos nunca son definitivos. Se non se exercen, se non se defenden, se non se sosteñen, retroceden. A historia demóstrao unha e outra vez.
Vixíallos e protexelos é unha responsabilidade colectiva.
Por iso o feminismo non pode reducirse a unha semana. É un exercicio diario. Constrúese en cada decisión, en cada conversa incómoda, en cada espazo que ocupamos.
E se falamos de espazos, temos que falar do espazo dixital.
As redes sociais e as plataformas non son só ferramentas de comunicación. Son espazos de influencia, de reputación, de negocio, de poder simbólico e real. Quen controla a conversa, controla parte da realidade.
E, con todo, ese espazo converteuse nun territorio hostil para moitas mulleres. Un lugar no que se nos ameaza, se nos insulta, se nos ridiculiza ou se nos violenta co obxectivo de disciplinar.
Porque a violencia dixital non busca so ferir.
Busca desgastar.
Busca silenciar
Busca expulsarnos do espazo público.
Non é casualidade que afecte especialmente ás mulleres que opinan, que lideran, que emprenden ou que simplemente existen con voz propia. É unha estratexia de silenciamento. E cando o espazo dixital é espazo de poder e visibilidade, pretenden expulsarnos del, do debate e da participación pública.
A violencia dixital, non é unha suma de casos illados. É unha dinámica estrutural que pretende disciplinar e xerar medo.
Caracara: organizarnos para non retroceder
Hai tempo que esta realidade me interpela. Por iso, levo meses traballando xunto coa miña compañeira Yolanda Dominguez, para dar un paso máis neste senso e crear Caracara, igualdade dixital. Presentámola en Madrid hai uns días, pero nace dunha reflexión que levamos tempo facendo: nace da convicción de que non podemos resignarnos a que o entorno dixital promova violencias, especialmente contra mulleres e nenas.
Caracara é unha plataforma de acción social que busca incidir, investigar, propoñer e mobilizar para que o espazo dixital deixe de ser un amplificador de odio e se converta nun lugar máis seguro e democrático. Non é unha resposta puntual: é unha aposta estrutural.
Isto non vai só de experiencias individuais.
Vai dun modelo de sociedade.
Vai de que tipo de espazo dixital queremos.
Vai de se deixamos soas ás mulleres que son atacadas.
Vai de se deixamos que violenten ás nosas nenas.
Vai de quen pode falar e quen é silenciada.
Vai de quen ocupa o espazo público e quen é disciplinada para retirarse.
Vai de garantir que o espazo público —tamén o dixital— sexa un lugar no que as mulleres poidan participar sen pagar un prezo por iso.
Pero este proxecto precisa rede. Precisa persoas que entendan que non é un problema alleo, que non é algo que lles pase só ás que están “expostas”. É unha cuestión democrática.
Se permitimos que a violencia marque quen pode falar, estamos aceptando unha democracia máis pequena.
Por iso necesitamos que Caracara medre. Que máis persoas se asocien, se impliquen, se sintan parte. Non por solidariedade puntual, senón por convicción estrutural.
A igualdade non é unha tendencia nin unha moda. É unha disputa constante polas oportunidades, polos recursos, pola representación, pola capacidade de decidir e polo lugar que ocupamos na sociedade.
E esa disputa xógase cada día.
Tamén online.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.
Máis novas do 8M
Máis contidos no Podcast Todas Nós
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- A arquitectura da impunidade
- Cando o dixital deixa de ser un lugar seguro
- Deepfakes, control e silencio: a violencia que busca expulsarnos
- 2026: chamar ás cousas polo seu nome
- 2025: vivir sendo muller nun tempo de retrocesos e ruído
- O Nadal tamén cansa.
- Non é desexo, é poder.
- “O xogo onde todo comeza”
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.
