Talía Teatro presenta o seu novo espectáculo dirixido por Quico Cadaval

Imaxe da nova obra de Talia Teatro

Con "Un deus salvaxe" colocada como finalista en 4 categorías dos Premios María Casares (toca esperar ata o mércores 8 de abril), a compañia Talía Teatro xa pon en marcha o seu novo proxecto. Presentou coa Xunta o seu novo espectáculo "Artur Ui, o ovo da serpe", dirixido por Quico Cadaval. Baseado no texto "A resistible ascensión de Artur Ui", de Bertolt Brecht, terá a súa estrea absoluta no Teatro Rosalía Castro os días 13 e 14 de marzo como parte da carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios e antes de iniciar unha xira que a levará este mes a Cee, Lugo, Vigo e Santiago de Compostela. 

A veterana compañía costeira, unha das máis afianzadas da escena galega, é beneficiaria por terceira ocasión nos últimos anos da subvención de 100.000 euros á actividade escénica plurianual, liña de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para contribuír á planificación e ao mantemento a máis longo prazo das empresas teatrais. Mediante esta canle, a formación levou xa ás táboas espectáculos anteriores de distintos rexistros e xéneros como Un deus salvaxe, Voa, voa!, A parábola do angazo ou Rosa Caramelo. 

Con Artur Ui, o ovo da serpe, Talía Teatro conta por vez primeira con Quico Cadaval na dirección escénica, que se pon á fronte dunha produción de gran formato na que actúan todos os nomes habituais da compañía: Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo. 

Sátira política sobre o ascenso do autoritarismo

A montaxe revisita un dos grandes textos do dramaturgo alemán Bertolt Brecht, escrito nos anos máis escuros da Europa do século XX como parábola sobre o ascenso do nazismo. A obra narra a chegada ao poder dun gánster que se fai co control dunha cidade a través de métodos mafiosos, nun relato que o autor concibiu como unha metáfora do ascenso de Adolf Hitler. O equipo artístico aposta por trasladar esta crítica política ao presente a través dunha proposta escénica contemporánea que combina humor, sátira e reflexión.

A produción dálle continuidade á liña de traballo de Talía Teatro arredor dos clásicos contemporáneos e do teatro de forte compoñente social, como xa fixo en montaxes recentes como Unha inimiga do pobo ou Morte accidental dun anarquista, reafirmando o seu compromiso cun teatro popular, crítico e conectado coa realidade do seu tempo. 

Despois das dúas funcións de estrea no Teatro Rosalía da Coruña, programadas como parte do calendario da Rede Galega de Teatros e Auditorios que cofinancia e coordina a Xunta de Galicia, Artur Ui, o ovo da serpe poderá verse tamén en Vigo (Auditorio Municipal, 20 de marzo), Cee (Casa da Cultura, día 21), Lugo (Auditorio Gustavo Freire, día 22) e Santiago de Compostela (Teatro Principal, 31 de marzo).