Talía Teatro, tras 35 anos de teatro galego, estrea o seu novo espectáculo "Un Deus Salvaxe"

Artur Trillo, director da Talía Teatro, acompañado dos actores e actrices da compañía costeira María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais, presentaron esta mañá de martes 25 de febreiro o seu novo espectáculo. Acompañados de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Margarita Lamela, alcadesa de Cee, e Luisa Rodríguez, concelleira de Cultura, presentaron a obra “Un deus salvaxe”.
A obra, dirixida polo propio Trillo, terá a súa estrea este mesmo venres 28 (20:30h) na Casa da Cultura de Cee, habendo un segundo pase o sábado 1 de marzo, ás 20:30h. Trátase da versión en galego da coñecida obra da francesa Yasmina Reza, que ten sido representada en escenarios de todo o mundo e levada á gran pantalla por Roman Polanski.
35 anos facendo teatro para o público galego
Pero a presentación serviu tamén para recoñecer a traxectoria dunha das compañías “veteranas” do país, como destacou Sutil, despois ademais, dun ano cheo de recoñecementos pola obra “Unha inimiga do pobo”.
Sutil quixo destacar a axuda de 100.000 euros da AGADIC, que lle foi concedida en 2023 dentro da modalidade de proxectos plurianuais das subvencións á creación escénica, e que lle serviu á compañía para desenvolver os dous proxectos.
”Un deus salvaxe”

Con Un Deus Salvaxe, Talía Teatro reafirma o seu compromiso coa creación de espectáculos de alta calidade, combinando humor, crítica social e unha posta en escena coidada. Esta obra desafía os límites da convivencia e explora as facetas máis inesperadas da natureza humana, e conta un elenco que dá vida a uns personaxes cheos de matices, capaces de provocar tanto situacións con certo humor como a reflexión.
De contado, a obra, nesta primeira fase de distribución, recorrerá localidades como Bertamiráns (7 de marzo), Carballo (14 de marzo), Vimianzo (15 de marzo) , A Coruña (21 e 22 de marzo), Santiago de Compostela (27 e 28 de marzo), Oleiros (29 de marzo) e Ourense (5 de abril).