O VII Encontro Starlight asenta á Costa da Morte como un destino de referencia para o turismo de estrelas
- Os responsables municipais valoran o astroturismo, vía cara a desestacionalización e toman nota das necesarias boas prácticas contra a contaminación luminosa.
Balance máis que positivo fai a CMAT, tras acoller na nosa comarca durante estes pasados días 1, 2, 3 e 4 de outubro, o VII Encontro Internacional Starlight e II Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo. Organizada pola Fundación Starlight, o eevento colocou á Costa da Morte como capital do astroturismo xuntando máis de 100 persoas en diversas charlas, conferencias e ceas.
De Razo a Laxe, pasando por Cee
Na tarde do martes, deuse a benvida ás persoas participantes neste importante Congreso no Náutico de Razo, en Carballo, onde houbo oportunidade para poñer en común os proxectos e experiencias dos diferentes profesionais.
A primeira xornada de conferencias trasladouse a Cee. Alí, o presidente de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), Lolo Muíño, destacou a implicación de toda a comarca para conseguir a certificación. «Estamos intentando combinar o astroturismo co desenvolvemento do territorio. Queremos potenciar o turismo desestacionalizado de calidade e respectuoso co medio ambiente. Neste sentido, o astroturismo é unha gran oportunidade. Nos anos 2023 e 2024, levamos a cabo moitas actividades nesta dirección».
Tralas conferencias, organizouse unha excursión ata o Faro Touriñán, en Muxía, para que as persoas participantes coñeceran o lugar da última posta de sol da Europa Continental.
Xornada sobre comunicación especializada e sobre boas prácticas na protección
As conferencias do xoves 3 estiveron centradas na comunicación en astroturismo, onde destacou a charla de Sara Rodríguez, de Turismo de Estrellas, cunha intervención sobre a distinción do Selo Starlight e a marca persoal. Tamén houbo oportunidade para ponencias sobre a perspectiva de xénero no turismo, a sostenibilidade e o cambio climático ou a comercialización dixital do astroturismo.
A xornada verspertina, comezou centrando a súa atención na importancia da protección do ceo nocturno, un dos puntos máis importantes destas xornadas para concienciar aos responsables municipais. Contou cunha ponencia de Susana Malón, de Lumínica Ambiental, na que destacou algunhas das boas prácticas que se están a desenvolver nos concellos da Costa da Morte para mellorar os problemas de contaminación luminosa.
Este día concluíu coa cea de clausura das conferencias na Torre de Laxe e coa entrega dos V Premios Internacionales Starlight, onde o aloxamento da Casa a Pedreira, de Cuntis (Pontevedra), logrou o premio a Mellor Aloxamento Starlight.
V Meeting de Guías e Monitores Starlight
A mañá do venres 4 de outubro estivo dedicada ao V Meetieng de Guías e Monitores Starlight, un evento centrado nas oportunidades e os retos que esta formación ofrece. Tamén se falou sobre as diferentes claves para desestacionalizar o turismo a través do astroturismo.
Nesta xornada, os Monitores Starlight da Costa da Morte Antonio Pazos e Begoña Estévez participaron cunha breve presentación sobre a mitoloxía estelar en diferentes culturas.
A CMAT tamén participou nunha mesa redonda sobre os retos e desafíos do astroturismo, onde se compartiron impresións con outros profesionais como Bea Páez, Directora de Turismo La Palma; Mónica Solé, consellera de turismo de Andorra ou Antonia Varela, presidenta da Fundación Starlight.
O broche deste importante congreso foi posto a través dunha charla pública sobre a Costa da Morte como costa do sol poñente conducida polo catedrático de física aplicada da USC e embaixador da Costa da Morte, Jorge Mira.
Despois, e para concluír o día, as persoas participantes tiveron a oportunidade de visitar Fisterra, onde se levou a cabo unha observación do ceo nocturno.