As anécdotas de 454 naufraxios na Costa da Morte nun libro

Xa está nas librerías un novo libro que ten a Costa da Morte como protagonista. O vindeiro venres 27 de xaneiro, ás 20:00h da tarde a Pousada de Loló de Muxía acollerá a presentación do libro "Costa da Morte, un país de soños e naufraxios". Un libro que presenta o escritor vimiancés Rafael Lema, un histórico en materia de naufraxios.
Ademais do autor estarán presentes o investigador naval coruñés residente na Laracha, Fernando Patricio Cortizo, xa coñecido pola Costa trala súa participación nas Conversas mariñas de Corme, e o presidente do Gac 3 Evaristo Lareo, pois este traballo foi editado polo Grupo de Acción Costeira GAC 3 Costa da Morte.

Os 500 naufraxios da Costa da Morte

O libro é unha catalogación e estudo dos naufraxios sucedidos entre Caión e o cabo Fisterra, na Costa da Morte coruñesa, desde a Idade Media ata hoxendía. En total recóllense as crónicas e anécdotas de 454 barcos documentados neste tramo.

Sinopse

O libro divídese en 6 capítulos a modo de travesías mariñas, describindo os naufraxios sucedidos en cada unha dos tramos costeiros analizados, que son: a contorna de Baldaio ás illas Sisargas, Corme- Laxe, Camelle-Arou, cabo Vilán, cabo Touriñán, cabo Fisterra.
Ao final acompáñase un catálogo de naufraxios na Costa da Morte e a cita dos sinistros marítimos acontecidos tamén no resto da costa galega.
A obra, de 256 páxinas, inclúe máis de 300 fotografías e ilustracións nun traballo deseñado por Gende Estudo de Carballo.

Ademais dos capítulos divulgativos dedicados ao reconto dos naufraxios incorpóranse anexos documentais sobre os baleeiros na Costa da Morte, os mitos e ficcións sobre os naufraxios e a lenda negra dos raqueros, memoria de corsarios, accións de submarinos alemáns nas dúas guerras mundiais e crónicas históricas de batallas e flotas de galeóns. O traballo achega numerosos datos novos sobre accidentes mariños, analiza os anteriores recontos e distintas versións sobre coñecidos sucesos, incorporando documentación para desterrar e desmentir a lenda negra da existencia de mafias organizadas na comarca para provocar naufraxios e desvalixar barcos.

Como para perdérmolo.

Novas relacionadas

A Cara máis íntima do naufraxio

Máis novas de Naufraxios

Artigos relacionados

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).