Luns. 25.05.2020
El tiempo

Atravesando o Atlántico en verso cos poetas da Costa da Morte

Atravesando o Atlántico en verso cos poetas da Costa da Morte
Hoxe facemos unha doble viaxe en verso cos poetas da Costa da Morte. E marchamos cara o outro lado do charco. Tras un longo percorrido atracamos nun peirao venezolano, para recoller a Antoloxía de poesía galega en Venezuela que vén de editar o Ministerio do Poder Popular para a Cultura de Venezuela, e na que podemos atopar a 6 poetas da Costa da Morte. Pero antes imos ata Florida, onde nos agarda unha revista dixital con participación dos nosos poetas.

Alexandre Nerium e Miro Villar en Venezuela

A revista dixital Bigbridge, da Universidade de Florida, inclúe no seu último número un especial trilingüe de literatura galega, en orixinal galego e versións ao castelán para o ámbito hispánico e ao inglés para o ámbito anglosaxón. Neste especial, coordinado polo poeta de Rianxo, Fernando R. Lavandeira, alén de varios escritores/as galegos/as figuran dous poetas da Costa da Morte, Alexandre Nerium (Fisterra) e Miro Villar (Cee). Ademais, as versións inglesas son da profesora Terri Carrión, e foron a chave para que a Universidade estadounidense as fixera públicas. Na propia revista tamén dfixeron sendas tradución ao castelán, dado o alto número de hispanos fieis á revista.

Unha Antoloxía de poesía galega en Venezuela con 6 poetas da Costa da Morte

O Ministerio do Poder Popular para a Cultura de Venezuela e a prestixiosa editora suramericana "El perro y la rana" publicaron unha antoloxía de vinte novos poetas galegos seleccionados e prologados pola filóloga coruñesa Teresa Seara, como exemplo da poesía máis actual e representativa en lingua galega. Os poemas foron traducidos ao castelán. Trátase de "Vinte puntos de fuga, antoloxía de poesía galega contemporánea". Na edición aparecen autores da Costa da Morte como María Lado, Rafael Lema, Estevo Creus, Modesto Fraga, Miro Villar ou Rafa Villar, xunto a poetas como Daniel Salgado, Baldo Ramos, Elvira Riveiro, Estíbaliz Espiñenta, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Emma Pedreira, Carlos Negro, Martín Veiga, Anxos Romeo, Marta Dacosta, ou Helena de Carlos. Os primeiros exemplares chegarán este mes a Galicia. O libro xa editado e na rúa en Venezuela é parte dun proxecto ambicioso, como indican os editores, a seccion Poesía do Mundo, ?poesía de todas as nacións, de todas as linguas, de todas as épocas: velaquí un proxecto editorial sen precedentes cuxa finalidade é dar ao noso pobo as mostras máis prezadas da poesía universal en edicións populares a un prezo accesible". Así indican desde o ministerio que "É aspiración do Ministerio do Poder Popular para a Cultura crear unha colección capaz de ofrecer unha visión global do proceso poético da humanidade ao longo da súa historia, de modo que os nosos lectores, poetas, escritores, estudiosos, poidan acceder a un material de primeira man do que foi o seu desenvolvemento, os seus achados, descubrimentos e revelacións, e do achegue, invalorable que significou para a cultura humana. Palabra destilada, a poesía mellóranos, humanízanos e, por iso mesmo, nos irmá, facéndonos recoñecer os uns aos outros no milagre que é toda a vida. Pola solidariedade entre os homes e mulleres do noso planeta, vaia esta contribución de toda a Poesía do Mundo".

Novas relacionadas

Fonte

comentarios