Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Carballo recupera os cantos de Noiteboa

Carballo recupera os cantos de Noiteboa
As cantareiras das asociacións San Campio e Nemeth participan por primeira vez no percorrido xunto ás agrupacións de Arume. Cartel "Noitiñas de Nadal" en Carballo Os cantos de Noiteboa e Reis forman parte da tradición oral galega. “A véspera de Noiteboa íase polas portas cantando e pedindo o aguinaldo", lembra Miro Regueira, da Asociación Cultural Arume, "pero esa tradición perdeuse cando se rompeu a cadea de transmisión oral, e o que queremos é recuperala”. Para conseguilo, nos últimos anos os grupos de música tradicional de Arume viñeron participando nas Noitiñas de Nadal, unha das propostas da Concellaría de Cultura para estas datas. Pero este ano e por primeira vez, non estarán sos, porque tamén se suman as cantareiras da Asociación Cultural San Campio de Cances e o grupo Xoldreira da Asociación Cultural Nemeth. Nas Noitiñas de Nadal non se fará un percorrido propiamente dito nin se pedirá o aguinaldo, pero si se interpretarán as cancións que falan da historia do nacemento de Xesús, moitas delas orixinariamente interpretadas en castelán ou latín. Arume, en concreto, que abrirá as actuacións a partir das 20.30 horas na rúa Coruña, ofrecerá tres cantos de Noiteboa de tres provincias distintas: A Coruña, Lugo e Pontevedra, e en concreto dos concellos de Trazo, A Fonsagrada e Pontecesuras. Os outros dous escenarios das Noitiñas de Nadal serán a Praza do Concello e o adro da igrexa parroquial. As cantareiras de Cances, que dirixe desde hai moi pouco tempo Hadriana Felpete, teñen preparadas tres panxoliñas. E as sete cantareiras que integran a agrupación Xoldreira deleitaran aos presentes co canto de Nadal de Monzo, a panxoliña de Fumaces e o canto de Reis de Toutón.

Comentarios