luns. 22.09.2025
El tiempo

2ª FUTGAL: Malpica, Outes e Muros sorprenden con 2 de 2 ante rivais potentes

Malpica e Porteno saltando a Pedra Queimada
Malpica e Porteño saltando a Pedra Queimada- Foto: Parker
2ª FUTGAL: Malpica, Outes e Muros sorprenden con 2 de 2 ante rivais potentes

Sorprendentes líderes temos trala disputa da segunda xornada da Liga da Costa. Malpica, Outes e Muros son os tres únicos equipos que acadaron dúas vitorias nas días primeiras xornadas, superando ademais a equipos complicados, como o renovadísimo Porteño, o Ponteceso ou o potente Xallas.

Sorprenden tamén os pechacancelas, un Soneira que caeu nun partido de tolos ante o Sofán B, un Ponteceso aínda en formación, e un Cabana que se viu sorprendido por un avión loureán.

Polo demais, prevese unha Liga da Costa moi igualada, na que tardaremos en ver os grandes favoritos ao ascenso.

Cabana - Monte Louro (1-5)

  • Cabana: Diego, Aarón Casás, Noe, David Rey, Hugo Lema, Miguel, Blas, Pablo Pose, Diego Castro e Simón. Tamén: Kelyan, Julián, Micki Pose, Brias e Xabi Parga.
  • Monte Louro: Pedro, Óscar Fari; Héctor, Pablo, Rodri, Adrián, Abel, Íker, Álvaro Fari, Xián e Javi. Tamén: Martín, Flavio, Chouza, David Lestón e Xacobo.
  • Goles: 0-1, m.11: Óscar Fari de volea; 0-2, m.23: Xián; 1-2, m.40: Pablo Pose; 1-3, m.70: Íker; 1-4, m.77: Flavio de golazo de falta; 1-5, m.90: Flavio.
Cabana-Monte Louro co colexiado Luis Mourelle
Cabana-Monte Louro co colexiado Luis Mourelle. Foto: Edu Olveira

Partido no que o Monte Louro estivo mellor en todo momento, e de feito os dous primeiros goles dos de Bibi xa caían nos primeiros 20 minutos. A partir da media hora melloraron un pouco os de Óscar Mingui, que recurtaban antes do descanso e vían como a expulsión de Álvaro Fari por protestar, que estaba a ser o mellor do partido, deixaba o partido aberto para a segunda.

E saían ben os locais, dominando e avisando, incluíndo un remate de cabeza ao longueiro e un gol pantasma que non subía ao marcador. Pero cando mellor estaban os rossoneros, aparecía Íker para dar a estocada que tiraba coas esperanzas dun Cabana que se deixou ir. Aparecía Flavio, ex do Muros que debutou cos loureáns, que fixo gala do seu golpeo cun golazo de falta e outro sobre a bocina, pouco despois de que os cabaneses desperdiciaran unha pena máxima.

Glo de Flavio para o Monte Louro
Escena do gol de Flavio para o Monte Louro. Foto: Edu Olveira

Malpica - Porteño (3-1)

11 do SCD Malpica en Pedra Queimada

  • Malpica: Abdou, Saúl, Anxo, Raúl, Damián, Sydou, Luis, Mario, Garci, Aday e Chicha. Tamén: Cristian, Fran, Joel, Pape e Brais Calvo.

11 do Porteno en Pedra Queimada

  • Porteño: Mariolo, Rodri, Brais Mouzo, Álvaro, Mayor, Baba, Alfredo, Darío, Bruno, Alan e Yuyo.
  • Goles: 1-0, m.33: Raúl tras unha falta lateral peiteada; 2-1, m.56: Garci; 3-0, m.63: Saydou; 3-1, m.86: Baba.
Malpica-Porteno-AMBIENTE BANCADAS
Bo ambiente en Pedra Queimada-Foto: Malpica

Xogaba o Malpica na Pedra Queimada por primeira vez este curso, ante un gran rival que chegaba con ata 7 baixas e só 11 xogadores dispoñibles. Así e todo os de Mayor saían moi forte empurrando ben, ao que o Malpica respondia cunha solidez defensiva impecable. Non había grandes ocasións máis que un balón ao pau nun córner unha xogada de Bruno que parou Abdou. Íase abrindo o choque co paso dos minutos, ata que á media hora, un centro dunha falta lateral de Luis buscaba á cabeza de Damián, que prolongaba para que Raúl abrise o marcador.

Así marchaba o partido aos vestarios. Volvían ao campo, co Malpica máis metido no partido, con máis calma co balón ante un Porteño que non era quen de dominar. Chegaba o segundo dos de David Baña, desta volta nun córner que remata Garci. Apenas uns minutos despois puido Bruno recurtar pero tirouna arriba, e xa á volta Saydoy, o ex do Sofán B, sorprendía nunha contra a un xa cansado cadro porteño, e sentenciaba o choque tras unha xogada espectacular de Luís.

Aínda Baba recurtou e Mariolo salvou o cuarto, pero os puntos quedaron en Pedra Queimada.

Malpica-Porteno-Parker
Malpica-Porteno-Foto: Parker

Ponteceso - Outes (0-1)

  • Ponteceso: Sergio Mourelle, Ures, Juan Rey, Mario, Pedro, Dani Rod., David Lema, Iván Rod. Alberto Recarey, Mendieta e Eloy Álvarez. Tamén: Anxo, Mouhssin, Neira, Pedro Lema e Dani Castro.
  • Outes: Dani. Stefan, Claudino, Babu, Martín Caamaño, Alberto, Jura, Adrián Caamaño, Manel e Keko. Tamén: Rubén, Kevin Lariño, Ramon, Iván, e Eloy.
  • Gol: 0-1, m.86: Keko nunha contra tras regatear a Sergio.

Segunda xornada de competición e segunda derrota para un Ponteceso ao que lle seguen pasando factura as baixas. Foi un partido bastante parello con dous equipos que intentaban ser máis ofensivos que defensivos, pero no que as defensas estiveron máis acertadas, sen permitir grandes ocasións. O Outes tentaba crear perigo en todos os balóns parados e o Ponteceso trataba de dominar o partido.

Estaba ben con balón o Ponteceso na segunda metade, facendo dano tamén a balón parado cun par de córners pechados de Alberto Recarey que salvou ben o meta Dani. Co paso dos minutos, foise abrindo partido nun ida e volta, no que pescou Keko que regateou a Sergio e levou os puntos para un equipo da Serra que parece sufrir pouco a marcha de xogadores como Yago Dosil ou Marito (xa no Mazaricos) ou mesmo Piki, e que espera volver pronto ao Cunchido, xa case listo á falta da aprobación da Deputación.

Zas - Mazaricos (5-1)

11 do Sporting Zas na x2 da Liga da Costa

  • Zas: Guille, Anxo, Moha, Joel, Fran Gavín, Pablo Pardiñas, Iago, Redondo, Brais, Dani Mato e Salah. Tamén: Pereiras, Adri Rama, Raúl Corzón, Mauro e Juan Touriñán.

11 do Mazaricos CF 25-26 en Zas-Foto- Sporting

  • Mazaricos: Isma, Borja, Luís Mayán, Chumiko, Sergio Rod. Yeray, Marcos, Raúl, Steven, Álvaro e Molinos. Tamén: Kevin, Samu, Marito, Fran Pose e Yago Dosil.
  • Goles: 1-0, m.12: Salah; 2-0, m.32: Redondo; 3-0, m.33: Brais; 4-0, m.64: Redondo; 4-1, m.65: Molinos; 5-1,m .79: Salah.

Primeiro partido da tempada en San Andrés para o Sporting Zas, que como o ano pasado quere converter o seu campo nun fortín. O rival non era doado: un Mazaricos cun cadro mesturado de xente nova e xogadores experimentados (Marito e Yago Dosil entre eles, xogadores con gañas de axudar a facer medrar á familia amarela), pero que aínda non está conxuntado e que fixo un mal partido, sobre todo en defensa.

Nos primeiros compases foron os de Raúl Periscal quen tiveron máis posesión, mentres o Sporting de Rubén Forján e Alfredo Pereiro se mantiña moi ordenado atrás e buscaba sorprender coa velocidade dos seus homes de arriba. Esa aposta provocou varios foras de xogo, pero ao cuarto de hora chegaba o 1-0: Salah non perdoaba no seu man a man co porteiro.

Lonxe de conformarse, o Sporting mantivo o ritmo e a media hora xa dominaba con claridade. As combinacións entre Salah, Dani Mato, Redondo, Brais e Chiki déronlle moito aire ao ataque, e dous novos tantos deixaban o marcador nun claro 3-0 ao descanso tras unha moi boa primeira metade dos locais.

Sporting Zas-Mazaricos en San Andrés-Foto-Zas
Sporting Zas-Mazaricos en San Andrés-Foto-Sporting Zas

 

No segundo tempo mudou un pouco o guión do partido: o Mazaricos entrou mellor, chegou a enviar un balón ao longueiro e xerou un par de ocasións que puxeron en apuros a Guille. Ademais, a defensa do Zas viuse castigada con varias tarxetas, nunha boa arbitraxe de David Castro Varela. Co paso dos minutos os cambios deron aire ao equipo e chegaría o 4-0 nunha contra ben levada por Anxo, que asistiu para que Redondo asinase o seu segundo da tarde. Só un minuto despois, un malentendido defensivo deixou a Molinos só ante Guille, recurtando diferenzas para os visitantes (4-1).
Xa nos últimos dez minutos, Salah completou a súa gran actuación cun potente disparo desde a frontal que fixo o definitivo 5-1.

Corme - San Lorenzo (2-0)

  • Corme: Quique, Hugo Paredes, Rubén, Aitor, Brais Pailos, Teo, Yago, Isra, Lucas, Eloy Villar, Samu Costa. Tamén: Borja Torrado, Xoel Castro, Joshua, Álvaro e Xoel Amado.
  • San Lorenzo: Javi Souto, Samu, Alberto Campos, Apblo Garrido, Hugo Rey, Javi, Adrián Méndez, Alex Vázquez, Alex Taibo, Riki e Diego Varela. Tamén: Mario, Isma, Manu Rod., Alex Costa e Laex García.
  • Goles: 1-0, m.52: Yago Suárez aproveita o rexeite dunha falta de Lucas que peta no longueiro; 2-0,m .74: Samu Costa.

O campo de O Cairo acolleu este domingo un encontro marcado pola intensidade e polas circunstancias. O Corme impúxose por 2-0 ao San Lorenzo de Verdillo, nun choque no que os visitantes chegaron con ata seis baixas que condicionaron a convocatoria. Os de Iván Rojo presionaban arriba a saída do balón do cadro local, pero os de Ángel soubaron mandar a base de xogo directo, gañando cada un dos duelos e levando todos os segundos balóns, ante un San Lorenzo que trataba de manter o balón, pero sen moita precisión.

Con todo non había claras ocasións ata que unha falta de Lucas, ao comezo da segunda, bate no longueiro e Yago aproveita o rexeite para abrir o marcador. O San Lorenzo dou un paso adiante pero sen demasiado tino nos metros finais e deixando mais espazos atrás. Foi aí, nunha contra, cando Samu Costa sentenciaba para os locais.

Muros - Xallas (3-0)

11 do CD Muros ante o Xallas
11 do CD Muros ante o Xallas
  • Muros: Aitor, Fran, Jesús, Benji, Peski, Alon, Jesús Esmorís, Juan oVello, Dani Jurjo, Alex, e Xavi. Tamén: Álvaro, Sel, Iván, Angel e Óscar.
  • Xallas: Iván Couto, Martín, Adrián Couto, Macareno, Yago Facal, Dani Barbeira, Doro, Adrián López, Sergio Barbeira, Rubén Blanco. Tamén: Pablo Landeira, Íker, Julián e Alberto.
  • Goles: 1-0, m.25: Alex recibe, xira e define na área; 2-0, m.78: Dani Jurjo aproveita un rexeite; 3-0, m.81: Alon.

Non estiveron concentrados nin ben posicionados os xalleiros, que se atoparon cun Muros que foi quen de manter a posición do balón ante unha presión inerte dos xalleiros. Non aproveitaban ademais o vento a favor os de Doriño, que vnon estaban finos co balón e viron como Alex adiantaba aos de Joaquín Quintáns e Juan oVello (segue mandando tamén campo!) nunha xogada na que a defensa verde estivo demasiado permisiva.

Seguía o partido sen demasiada inquedanza, pero o Muros quedaba con 10 moi pronto pola expulsión de Fran. Non aproveitaron tampouco aí os xalleriros a superioridade ante un Muros que se agazapou atrás e esperou a súa ocasión de lanzar os seus zarpazos, e foi así como Dani e Alon sentenciarían o choque a 15 e a 10 do final.

 

Sofán B - Soneira (3-2)

11 do Sofan B no Carral 25-26

  • Sofán B: Eloy, Marcia, Diego, Iván, Eloy Cabeza, Christian, Nachete, Asier, Mateo, Isma Ramos e Adrián Vázquez. Tamén: Diego, Raúl, Rubén, Jonathan, e David.

11 do Soneira SD no Carral 25-26

  • Soneira: Pity, Nico, Iván Blanco, Gusa, Adrián Canosa, Pichi, Oreiro, Sergio, Brais, Javi Lema e Richi. Tamén: Brais, Jose, Carlos, Jesús e Bieito.
  • Goles: 1-0, m.20: Nachete nunha xogada a balón parado; 1-1, m.31: Sergio; 1-2, m.47: Pichi de penalti; 2-2, m.51: Adrián Fraga nun man a man tras un roubo de Isma; 3-2, m.77: Rubén Porteiro a centro de David de Jesús.
Sofan B-Soneira no Carral-Foto-Sofan co colexiado David Vazquez Lema
Pichi e Adrián Vázquez co colexiado David Vazquez Lema. Foto: Sofán SD

Partidazo o vivido no Carral entre dous moi bos equipos. O Soneira foi máis dominador do partido, ante un filial ben armado e buscando a velocidade e eficacia dos seus dianteiros. Tiveron varias ocasións os de Josiño Abelenda pero eran os locais, dirixidos por Zalo, os que abrían o marcador nunha xogada a balón parado. Pero o Soneira mantiña o equipo arriba e conseguía empatar antes do descanso.

A segunda parte mantivo o mesmo guion. O dominio visitante traduciuse nun penalti que transformou o rexuvenecido Pichi, pero o partido estaba ben aberto, e moi pronto Adrián Fraga aproveitaba un pase tras roubo na saída do balón de Isma Ramos para empatar de novo. Co partido aberto, Rubén metían en vantaxe aos locais, tras outro erro da defensa soneirá, que o intentou ata o final, ante un rival con 10 pola expulsión de Adrián Vázquez, pero que a pesar das numerosas ocasións non volveu con premio.

Sofan B-Soneira no Carral-Foto-Sofan
Sofan B-Soneira no Carral-Foto-Sofan

Corcubión - Baio (1-1)

  • Corcubión: Bruno, Fuentes, Isaac, Andrés Vigo, Juan Castreje, Jon, Iago Lema, Luís Lojo, Dani, César Lojo e Antón. Tamén: Samu Rama, Jose, Castro, Alex Díaz e Samu Trillo.
11 do cd baio en Corucbion
11 do CD Baio en Corcubión. Foto: CD Baio
  • Baio: Rodri, Pablo Rod., Pazos, Noerberto, Mamadou, Pablo Gabin, Manu Vila, Chechi, Carreira, Damián e Rubén. Tamén: Yago, Javi Muíño, Josiño, Alex Muíño, Víctor.
  • Goles: 0-1, m.27: Chechi de cabeza tras pase de Pablo Gabín; 1-1, m.37: César Lojo de penalti cometido sobre Jon.

Partido tenso no Cubaleiro, con moito ritmo imposto por un Baio moi ben asentado no campo, que fixo que Bruno tivese que facer varios paradóns na primeira metade. A máis clara para os baieses, antes dos gles, un balón longo ao que Damián controla moi ben pero banda ao longueiro, e no rexeite quédalle a dous xogadores baieses que baten co boneco, Andrés metido baixo paus. Adiantáronse os de Diego Lobelos da mande Chechi, e cando parecía que estaba máis cerca o segundo, a colexiada sinala un penalti algo protestado polos baieses sobre Jon que marca César Lojo.

Comezaba igualada a segunda coa expulsión de Fuentes, que provocaba que os de Ángel Ventanas e Isidro se armasen atrás. Intentaba xerar ocasións o cadro visitante e tivo algunha de Chechi, Mamadou ou Damián. Pero un par de erros na saída de balón tamén provocaron dúas contras claras, unha de Alex tras unha parede que volve salvar Bruno, para os visitantes, o mellor do campo.
César Lojo tivo que saír cun forte golpe no narís.

Todas as crónicas da 2ª FUTGAL

Máis información

Comentarios