O edificio dos 100 actos
Confudimos ás veces o feito de ter un espazo cultura con ter cultura. O contedor convírtese en argumento cultural máis aló do contido con que se encha. De aí, eses faraónicos proxectos de grandes casas da cultura que despois só se usan unha vez ao ano.
Pero tamén temos bos exemplos na bisbarra. Espazos multidisciplinares que acollen dende cursos de formación a diferentes niveles, a congresos, sesións informativas… Falamos por exemplo do Forum Carballo, xa un dos centros de referencia de toda a provincia, que ten acollido este ano preto de 100 accións formativas e informativas organizadas por máis de 50 entidades. De feito, no mes de outubro as instalacións estiveron ocupadas todos os días agás os domingos 5 e 12.
Instalacións pioneiras
O complexo situado barrio da Milagrosa ten unhas instalacións punteiras en materia de hostalería, soldadura, electricidade, pintura… Os cursos de formación contan cuns materiais de primeira, como probamos a pasada semana na zona da escola de hostelería durante a LaconNetwork.
Houbo tempo tamén para acceder ao taller de soldadura, pintura e electricidade, que están de estrea ademais. 2 soldadores virtuais, os primeiros que hai en toda España, acaban de ser instalados para desenvolver as prácticas de forma máis efectiva no Forum.
Variedade de propostas
Para dar conta da variedade de propostas, entre os usuarios do servizo municipal durante o pasado mes de outubro estiveron entidades deportivas coma as Escolas Balonmán Xiria, a Federación Galega de Surf, o Comité Galego de Árbitros ou o Club Ciclista Carballo Placasa; entidades coma Forem Galicia ou Axober; servizos públicos coma o de Veterinarios Oficiais, a Oficina Agraria ou a Oficina de Promoción Económica do Concello (OPE); partidos políticos e institucións coma a Deputación da Coruña ou o propio Concello de Carballo.
Das 95 actividades contabilizadas este ano, 27 foron promovidas directamente por algún dos departamentos municipais ou coa colaboración dos mesmos, pero o que poñen de manifesto os datos é que o Fórum non é unicamente un edificio institucional, senón un gran complexo aberto a todas as entidades e empresas que traballan, fundamentalmente, no ámbito da formación.
O Fórum tense convertido, ademais, nun importante centro de dinamización económica grazas a iniciativas coma ExpoVoda, Carballo Interplay ou a Feira Multisectorial da Asociación de Comerciantes do Barrio da Milagrosa.
Novas relacionadas
- Bergantiños á vangarda tecnolóxica galega.
- #ForoMobilidade: Carballo repensa o seu modelo de cidade.
- O #CursoTurismoUDC de Carballo propón modernizar o sector da Costa da Morte.
- 4 novos cursos de formación en cociña, restaurante, soldadura e electricidade en Carballo.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).