Á décima estreou o Dumbría o seu contador de triunfos en Preferente, nunha xornada de retorno á normalidade en tódalas categorías.
Imaxe do Corme-Soneira-Foto-Fin Lema
Pode que ata co paso das xornadas se lembre o partido do Dumbría en Arteixo, onde caeu por 7-0, coma un mal necesario. Polo de pronto, parece ter servido como incentivo moral a un dos dous representantes da zona en Preferente Autonómica. O sufrido e xusto 1-0 acadado ante o O Val supón a primeira vitoria da tempada, o retorno á tan ansiada fiabilidade defensiva, e sobre todo unha inxección de confianza fronte a un rival directo. Os de José López Canosa xa saben que poden ser colistas, pero de seguro non o peor equipo da categoría. Pola súa banda, a piques estivo o Xallas de pescar en Riveira, nun partido de tolos e con despliegue ofensivo en ambos lados. Aínda que en postos de descenso, os de Santa Comba seguen a deixar novas positivas semana tras semana,
Menos motivos para o optimismo deixou esta vez unha Primeira Autonómica na que só o Soneira estivo acertado. Os vimianceses líderes nun espectacular man a man co Flavia, non tiveron excesivos apuros no derbi contra un Corme que propuxo, pero que non foi quen de parar o arsenal dun rival con tufillo (no bo sentido) a Preferente. Das decepcións sorprenden especialmente a do Outes na casa contra un Tordoia que non é mellor e a do Malpica na Pedra Queimada co Sigüeiro. Volveron estar mal na creación e finalización os de Chema, que ata o de agora si estaban a deixar boas sensacións na casa.
Na Liga da Costa non hai xa lugar para a perfección no expediente, despois de que o Ponteceso encallase na súa visita a un Cerqueda convertido en oso para os grandes. E se non que llo digan ao Baíñas. Precisamente, os de Vimianzo protagonizaron xunto co San Lorenzo o partido da xornada, no que houbo opcións para os dous. Pasiño a pasiño se instala na cabeza un Sporting Zas que empeza a contar por goleadas os seus encontros e que non tivo problemas en Camariñas. Do resto da xornada, celebra o Volantes o seu primeiro triunfo, tras dúas semanas amagando, e afúndese un Unión Club Cee que, ao contrario que o Dumbría, non rachou coa decepción de sete días atrás.
Outro dominador, aínda que en Terceira, tamén mordeu o polvo esta semana. O Laxe dobregou ao Corcubión no partidazo da xornada, con moito ambiente na comarca de Bergantiños. Aproveitaron o pinchazo Camelle e Monte Louro, perseguidores.
E o notición da xornada chegou en fútbol base, onde o Dumbría de Diego Lobelos é xa líder, despois de desfacerse do Victoria no Conco e confirmar esa sensación de que novamente pode ser un gran ano para os brancos. Menos afortunados estiveron os cadetes co Val Miñor, nunha inesperada derrota.
As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.