Axenda da última fin de semana do curso no Fútbol da Costa

Última fin de semana do curso no Fútbol da Costa. Pero vén cargada de emocións.

O venres 26 temos a II Gala do Fútbol da Costa-QPC na Casa da Cultura de Cee. Unha noite con 27 premios, moitas risas e emotividade ca homenaxe que queremos renderlle a Álex Pombo.

Ademais teremos citas co Fútbol base en Dumbría e Cabana.

A Gran Festa do Fútbol da Costa

Pero ademais, teremos a final da Copa da Costa, a gran Festa do Fútbol da Costa. O Platas Reinoso de Baio acollerá esta finalísima entre Corme e XSC, dous equipazos que chegan, cansos, pero nun bo estado de forma. Hai baixas importantes como a de Alejo para o cadro cormelán, mentres Doro, adestrador e alma do equipo, xa disputou os seus primeiros minutos despois dunha longa lesión ante o Seaia polo que pode que salte ao campo a intentar gañar un título máis.

Paralelamente, o evento social é de gran calado. A pasarela de xogadores, de adestradores, das mozas dos protagonistas, dos familiares... O Platas Reinoso será un gran evento social.

Nós faremos un amplo seguemento, e faremos o carrusel en directo a través do Facebook do Fútbol da Costa, a través do twitter @quepasanacosta e dende www.copadacosta.com.

Final para o Dumbría

Oportunidade de ouro para o Dumbría. Despois do empate a 0 da ida, o equipo de Leis e Lobelos ten todo de cara para prantarse o ano que vén na Liga Galega Xuvenil, e completar así unha case inmellorable campaña, cos títulos de Liga regular, liga dos campións, e Copa da Costa, e tras perder só 2 partidos durante o ano.

O Bertamiráns será un rival duro, pero o equipo dumbriés ten que ser o favorito.

Gran festa solidaria dos Veteranos

O campo de Verdillo acolle este domingo ás 11:00h da mañá a Final da Copa da Costa dos Veteranos. O Ponteceso quere dar a sorpresa ante un Coristanco que non quere que lle pase como na Liga, e quere rematar o ano alomenos cun título.

Ademais, antes do partido haberá un enfrontamento entre un combinado de 1ª contra un de 2ª, e todo o recadado será para apoiar a José Mato.


Gran Final da Copa da Costa

Fase de Ascenso á Liga Galega Xuvenil, volta da final

0-0Bertamiráns - DumbríaSábado 28 ás 20:00h

Final da Copa da Costa dos Veteranos


Torneo Base en Cabana

E como non, chega a cita Cabanesa co Fútbol Base. Este sábado 27 e domingo 28 de xuño os pequenos invadirán o campo das Redondas. 14 equipos en benxamíns e 16 en alevíns dan conta do traballo do club cabanés, un dos nominados como mellor equipo de fútbol base na Gala QPC.


Memorial Andújar

O vindeiro sábado 27, no 5º Memorial Manuel Andújar, Torneo de Fútbol 8 cos equipos Benxamin e Alevin do CF Dumbría, Galicia de Caranza, Olímpico de Rutis, SD Fisterra, Muxía CF, Outes CF, UC Cee e SD Negreira.
E despois partido decisivo polo ascenso dos xuvenís á Liga Galega Xuvenil entre Dumbría e Bertamiráns.


FS en Santa Comba

Por Santa Comba están armando un bo Maratón de Fútbol Sala, con máis de 3.000 € en premios. Os 27 e 28 de xuño, o pavillón de Fontenla acollerá este espectáculo. Podes inscribir ao teu equipo por 120€, na Taberna do Meu Compadre, antes do 25 de xuño ás 22:00h, ou nos teléfonos 617 641 873 ou 686 248 444.

Novas da Gala

Crónicas da semana

Torneos de verán

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).