Fin de semana con polémica esta primeira de outubro. Polémica en Preferente, cunha rede da portería de Carral algo frouxa de mais. E polémica na Liga da Costa, cunha tangana que rematou cun choque suspendido a falta de 8 minutos. Xa saben que teñen todas as táboas en www.futboldacosta.com e aquí traemos a crónica e todos os resultados.
Comezamos o repaso pola Preferente, onde vemos a 3 dos nosos ben arriba. O Bergantiños segue líder tras ceder o primeiro empate da tempada, na casa ante un Sada aguerrido. 3º a 3 puntos xa está este tremendo XSC, que non fallaba ante o Lemos. E o Dumbría parece que xa está en forma e se coloca 4º a 6 do líder tras vencer fóra de casa ao Residencia. O que non pode durmir tranquilo esta semana é o Soneira, que se sitúa en postos de descenso, só con 4 puntos, tras unha semana complicada e tras un final de partido cheo de polémica. Ía gañando o cadro de Felipe Candamo, pero o Carral remontaba. Pero nos últimos instantes, Mayuyo marcaba pero o balón se colaba pola rede do campo de Carral, e o colexiado pitaba saque de porta. Ao final, tralas protestas, derrota e 3 expulsións, no canto dos 3 puntos que puideron traer de volta.
En 1ª, alegrías para uns e amarguras para outros. O Ponteceso segue navegando pola parte baixa da categoría e non sae do pozo. Volvía caer ante o Lamela, no que podía ser unha boa oportunidade de meterse fóra dos postos de descenso. Tampouco o Camariñas sacou máis que unha goleada en contra de Agolada. Os que si poden quedar tranquilos son os Malpica, Baio e Esteirana. Os de Baña están 3º con 11 puntos, a só 1 do líder, o Noia. 4º está o Baio, con 8 puntos, os memos que a Esteirana, tras vencer ao Amio e ao Puebla. Espectacular comezo de campaña dos dous debutantes na categoría.
A xornada 5 da 2ª Autonómica tiña o seu foco protagonista na xornada no Novo Cubaleiro. Corría o min.82 e o Corcubión sorprendía marcando un tanto a un Castriz que vai a por todas. Pero armouse unha tangana (con diferentes versións sobre unha posible agresión que mañá explicaremos na crónica da 2ª) e o colexiado acabou suspendendo o partido a falta de 8 minutos co 1-0 no marcador. Uns 8 minutos que, en principio, se terán que xogar. Polo demais, o Outes segue de líder, con 5 de 5 tras vencer ao Carnota en Lombáns. Impresionante o que están a facer os de Manu Roque. Quen xa non puido mantelo ritmo foi o Porteño que sucumbíu en Ara Solis tras 4 vitorias consecutivas. Pero cara lle custou a vitoria ao Fisterra pois perde a Roco cunha serie rotura de ligamentos do xeonllo. Agora na 2ª praza métese o Cee, que a base de oficio vai colocándose ben arriba. O Sofán xa colle ao Castriz e o Fisterra, mentres que por abaixo, o Cabana acadaba o seu primeiro punto ante o Camelle.
Nos Xuvenís, polo Sur o Dumbría mantén o liderato a pesar de descansar, pero xa o Fisterra o alcanza con 12 puntos pero un partido máis. Os fisterráns sufrían para desfacerse dun correoso Soneira. O XSC vén forte tamén por detrás e queda a 1 punto, tras golear ao Mazaricos, e o propio fixo a Esteirana, que se sitúa a 2 do liderato, tras golear ao Lira. Polo Norte novo cambio de líder, e volve ser o Corme o que colle o relevo do Ponteceso. Os cormeláns vencían comodamente en casa ao Coristanco e suman xa 14 puntos, e aproveitaban a derrota do Ponteceso ante un Cabana que vén de menos a máis e que xa se coloca 2º con 12 puntos, os mesmos que o Malpica, que non fallaba ante o Porteño; o Camariñas, que superaba con sufrimento ao Baio; e que o propio Ponteceso.
Na I Copa da Costa Cadete, xa temos varios clasificados para a seguinte rolda, os cuartos de Final, malia que faltan aínda 2 xornadas. Pero ao seren grupos de 3 e clasificarse os 2 primeiros as cousas están cantadas. Así, Muros, Fisterra e Coristanco xa teñen os dous pés nos Cuartos.
Nas Ligas Autonómicas, o Dumbría da División de Honra Cadete segue impecable, e soubo repoñerse á derrota da semana pasada vencendo pola mínima ao Porriño, situándose ademais na 4ª praza. Na Liga Galega Infantil, o Dumbría tamén gañaba pola mínima ao Orillamar, pero as cousas están sendo máis complicadas. Por exemplo o XSC caía con rotunidade ante o líder e segue sen sumar.
Nos Veteranos, a xornada veu marcada pola importante lesión dun xogador do Leiloio, que mesmo tivo que saír na Ambulancia.