Os Sénior do Volei Dumbría estréanse en casa con vitoria

Por fin chegaba o día no que Dumbría podía gozar dun partido de voleibol en categoría senior, desde a fundación do club en setembro de 2007. O rival non podía ser mellor, xa que se enfrontaba ao Emevé de Lugo, único club da comunidade que conta con 2 equipos na máxima categoría do voleibol estatal, a Superliga 1. O equipo local non defraudó e puido impoñerse por un contundente 3-0 con parciais de 25/16, 25/22 e 25/23 ante un rival que non baixou os brazos en ningún momento, e que pese a ir a remolque no marcador durante todo o encontro, nunca tirou a toalla e pelexou ata o final cada un dos puntos.

Ás 19:00h era a hora elixida para que os pupilos de Luís Alberto Fernández fixesen o seu debut en casa en partido de 2ª División (a equivalente á 2ªB en fútbol) e a afección non defraudou. Trala vitoria por 1-3 ante o CV Pontevedra no primeiro partido de liga, os xogadores locais non querían defraudar e sumar a súa segunda vitoria na liga. Había moito interese en ver de novo na cancha a Javier Castro, Iago Lema e David Branco, campións Galegos cadetes co Voley Dumbría no ano 2009 e que tras 5 anos volvían vestir a camiseta do club: e á flamante fichaxe desta tempada, o muxián Pablo Touriñán, que tras varios anos xogando en Superliga 2, en equipos como San Sadurniño ou Cáceres, vén a Dumbría a compartir toda a súa experiencia e estase axustando que dá xenio coas novas promesas locais.

O equipo local marcou un ritmo moi alto de xogo durante o primeiro set, o que lles permitiu gañar por un contundente 25/16, destacando sobre todo en recepción o que lles permitía atacar con relativa facilidade. Durante o segundo set chegaría a xogada desafortunada da xornada, xa que se lesionaría o colocador local Manuel Marcote, peza chave do equipo dumbriés xa que é o encargado de distribuír o xogo do equipo e polo que pasan todas as accións de construción en ataque. Esta lesión produciuse de xeito fortuita ao pisar a un compañeiro ao baixar do bloqueo, e cando ao equipo só lle quedaba un cambio e non dispoñía de ningún outro colocador no banquiño, o que fixo que o Emeve aproveitase para achegase ao marcador aínda que o V. Dumbría impoñeríase por 25/22.

A partir de aí o equipo máis pendente da gravidade da lesión do seu compañeiro que do partido en si, daría un baixón no inicio do set e tras un tempo morto local conseguiu darlle a volta ao marcador e chegar a ter 4 bólas de partido, aínda que o marcador final fose dun axustado 25/23.

Deste xeito o equipo de Voleibol Dumbría conta as súas xornadas por vitorias o que lles sitúa como líderes da competición. O seguinte partido será o vindeiro domingo 16 de novembro, de novo en Dumbría, ante o CV Noia.

Resultados das categorías base

  • Liga Galega xuvenil masculina: Voleibol Dumbría - Emevé de Lugo 3-0 (25/11, 25/10 e 25/12).

Vitoria facil dos xuvenis que se mostraron moi superiores aos lucenses.

  • Liga Galega cadete masculina: Voleibol Dumbría - Emevé de Lugo 0-3 (16/25, 23/25 e 14/25).

Mal partido dous cadetes que amosou as debilidades dun equipo ante un equipo moi forte, favorito a encabezar a liga cadete.

Vindeira xornada

Este sábado visitan o polideportivo de Calasancias para xogar 5 partidos:

  • 10:00h - Xuvenil masculino: Calasancias - Voleibol Dumbría.
  • 11:30h - Cadete masculino: Calasancias - Voleibol Dumbría.
  • 11:30h - Cadete feminino: Calasancias - Voleibol Dumbría.
  • 13:00h - Infantil masculino: Calasancias - Manuela Rial.
  • 13:00h - Infantil feminino: Calasancias - Manuela Rial.

Novas relacionadas

Fonte

  • Volei Dumbría.
  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).