Última fin de semana de setembro e xa temos varios deportes en liza. Xa podedes ollar como se presentan as xornadas dos partidos de tenis de mesa e do balonmán. E nós, como sempre analizamos a previa do #futboldacosta. Esta é ademais unha fin de semana estándar, pois apenas hai cambios de horarios e o groso da xornada disputarase o domingo ás 17:00h.
E comezamos o repaso á previa da xornada futboleira pola Preferente, na que lle toca descansar ao Dumbría, nun momento no que estaba nunha comodísima 4ª. O XSC terá que asegurar os 3 puntos en Fontenla ante un Lemos no medio da táboa e de paso facer un favor ao Soneira, que tamén está obrigado a sumar ante un Carral un punto por debaixo.
En 1ª, os nosos terán encontros dispares. Se ben o Camariñas e o Ponteceso recibirán a dous equipos da zona baixa, Fisterra e Malpica o terán moi máis complicado en sendas visitas a dous dos cocos da categorías: Noia e Flavia.
Na Liga da Costa haberá enfrontamentos interesantes como o Corme-Corcubión ou o Sofán-Buño. Pero sobre todo haberá partidos da zona baixa.
En 3ª tamén haberá partidos de tensión. O Laxe recibe ao Nantón no único choque adiantado da xornada. Ademais o líder, o Independiente, visita Arasolis mentres que o Porteño visita o complicado campo de A Rocheira e o Camelle quere seguir ca boa racha en Corcoesto.
En Xuvenís hai varios pratos fortes. No sur o Cee-Xallas de Santa Comba prevese moi apretado pois os de Jose Carlos terán que vencer se non queren perder o tren.
Polo Norte, o partido da semana será o Baio-Ponteceso, que chega cos dous equipos líderes, cun Baio que aínda non coñece a derrota e un Ponteceso que vai dar que falar.