Primeira xornada completa de fútbol da Costa nesta campaña 2011-2012. Nada menos que 67 encontros en todas as categorías, unha vez que esta semana comezaban os xuvenís da Liga Sur, os cadetes, e os infantís. E QPC Deportes trae, antes que ninguén, todos os resultados.
Comezamos pola Preferente, onde Xallas e Santa Comba seguen sumando, desta volta, con sendos empates. Ademais, a boa nova da xornada a puxo o Dumbría, foi o único que sacou os 3 puntos vencendo en casa ao Foz. O Soneira caía en Narón, mentres que na 1ª Cee e Ponteceso tamén eran derrotados.
Xa na Liga da Costa, o Club do Mar parece empeñado en distanciarse, e o sábado O Pindo non podía parar a máquina caionesa. O Dumbría B empataba en Mazaricos polo que deixa en solitario ao líder. Por detrás, Malpica e Camariñas amosando que van estar aí, e Esteirana e Nantón, sen ben os cabaneses pararon os pés a esta Esteirana que pode dar moitas sorpresas ao longo do ano.
A 3ª continúa comandada polo Montelouro, que suma 4 vitorias e tan só un gol en contra en 4 partidos. O Outes, que puido co Camelle, o Cerqueda, que fixo o propio co Independiente, e o sorpredente Alcaián, que venceu ao filial soneirán, suman 10 puntos. Por detrás non se descolgan, o Cabana, que batía co Pereiriña, e o Coristanco, pechando o grupo da fase de ascenso.
E comezaba a Liga Xuvenil Sur, cun Cee moi potente que arrasaba o Muros. Polo norte, o Dumbría B segue amosando que é o grande favorito, e arrasou 6-0 co Camariñas. Pero ollo con este Malpica, que leva tamén un equipazo e mantense de líder, cun partido máis, pero moi bos números.
A xornada de cadetes comezou con varias goleadas, como a do Baio ao Porteño ou a do Outes ao Muxía, mentrs que en infantís parece que a cousa vai estar algo máis igualada.