Xornada soleada e completa do Fútbol da Costa con moitas cousas en xogo. As Ligas chegando ao seu treito final, 3 competicións copeiras xa nas eliminatorias, e mesmo un título confirmado no F8 e outro practicamente sentenciado en Veteranos. Así que comezamos o repaso da xornada. Nunha semana na que se decidiu o título da Liga de FS de Cee.
Pleno costeiro na Preferente - Senra Sport, con dúas grandes vitorias que permiten ao Dumbría ascender ata a 7ª praza e, sobre todo, deixan ao XSC moito máis tranquilo deixando 6 equipos por debaixo. Así e todo os de Coméndez, que fixeron un gran partido, non poden durmirse aínda.
E viña con derbi a xornada na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra, un derbi que deixa moi tocada á Esteirana, que ve, despois de caer ante o Baio pola mínima, como con 12 puntos en xogo ten a salvación a 6. Unha Esteirana que provocaría ademais un arrastre na Liga da Costa. Polo demais, vitoria do Malpica, empates de Corme e Sofán e derrota do Soneira ante un dos de arriba.
Non cede o Zas na 2ª Autonómica - ES Bazarra e superaba un dos obstáculos máis duros que lle restan ao vencer por 2-3 en Muros ao Volantes. Nun partido emotivo, que arrincaba coa homenaxe que lle rendía ao Zas a Piti, protagonista o partido da primeira volta dunha xogada de xogo limpo recoñecendo que unha xogada non era penalti. Os zaenses sacan 4 puntos ao Outes e 5 ao San Lorenzo, que non fallaban e que seguirán pelexando ata o final polo título e pola segunda praza de Promoción. O que parece que dixo adeus ás súas opcións despois de empatar en Ponteceso e quedar a 8 puntos do liderato. Na zona baixa, xornada importante para o Montelouro, que vencía ao Baíñas e aproveitaba as derrotas de Cabana e Seaia para empatar ao cadro malpicán e quedar a un só punto do Cabana. Parece que o Porteño, ca súa vitoria no derbi ante o pechacancelas, sae da loita, na que quedan estes 3 equipos por evitar 2 postos, pois ca derrota da Esteirana esa praza de arrastre parece difícil de evitar.
En 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira, o Cerqueda segue o seu camiño cara o título, quedando dúas fermosas pelexas. O Coristanco non aproveitaba o descanso do Ameixenda e só empataba ante o Muxía empatando cos ceenses nesa 2ª praza de ascenso directo pero cun partido máis. Por detrás, o Nantón non pasaba do empate ante o Laxe mentres Lira e Corcubión celebraban un choque directo que deixa ao Lira en boa posición.
Triplete copeiro de base
Celebrábanse esta fin de semana os Cuartos da Copa da Costa Xuvenil, Cadete e Infantil, que sabedes que temos sempre actualizados os cadros en www.copadacosta.com. Moi igualadas as citas en Xuvenís e só o Dumbría parece que deu un paso claro cara as semis vencendo 0-3 en Arliña. O Fisterra sacaba unha vantaxe mínima ante a Esteirana e o Corcubión daba a campabada vencendo nas Redondas ao Cabana. Ademais, XSC e Camariñas demostraron a súa igualadade cun partidazo.
En Cadetes, parece que a cousa está máis clara de cara ás semis. Fisterra, Ponteceso e Cee deron un paso adiante vencendo amplamnente a Muxía, Esteirana e Sofán, mentres o Cabana vencía 1-0 ao Corme.
E xa nos Infantís, goleadas importantes de Fisterra e XSC, os destados 2º e 1º da Liga que se terán que enfrontar en semis. O Outes venceu ao Sofán mentres Ponteceso e Coristanco empataban deixando todo aberto para a volta.
Mala xornada nas Ligas Autonómica
A pesar da gran vitoria do Dumbría na División de Honra, non podemos considerar boa a xornada, pois ademais da derrota dos infantís dumbrieses, xa sen opcións de manter a categoría, o XSC vese hoxe en postos de descenso polo arrastre na Liga Galega Cadete. Os xalleiros caían e os seus rivais vencían e meten nun apreto aos de Corredoira, a 1 punto do Orillamar e a 3 do Vilalbés cando quedan 3 xornadas fraticidas.
Primeiro campión nos peques do F8
E xa temos o primeiro campión das Ligas de F8 dos peques. O Fisterra vencía en Esteiro e se proclamaba campión na Liga Benxamín Costa Sur, aínda con 4 xornadas de marxe. Menudo temporadón o dos rapaces de Marcote que levan 19 vitorias e unha soa derrota no que levamos de ano.
Mentres, e coas Ligas Norte e Prebenxamíns aínda con moito por diante, en Alevíns do Sur manteñen Cee e Outes unha fermosa pelexa no máis alto.
O Coristanco deu un paso para o título de Veteranos
Un dos partidos da semana xogábase na 1ª División das Ligas de Veteranos. 1º contra 2º co título de liga en xogo a só 3 partidos do final. E o Coristanco, actual campión, despois de colocarse líder hai só unha semana, case que sentenciou o campionato tras vencer na Rocheira ao San Román, ao que deixa a 5 puntos con só 6 en xogo. A vindeira semana podería ser campión matematicamente. Por abaixo, o Cabana daba un vuelco á situación goleando ao Xuv. Bergantiños, ao que supera e mete nos postos de descenso xunto ao Castriz.