Chegou o outono, máis puntual que nunca, e con el cambiou a cara nos campos de fútbol. A chuvia e o vento foron os protagonistas, e o fútbol dexou paso á brega. Xa saben que teñen todas as táboas en www.futboldacosta.com e aquí vos deixamos a crónica con todos os resultados comprimidos. E ollo, que mañá hai reunión en Baio para tratar... a Copa da Costa!!
Comezamos o repaso pola Preferente, onde o XSC acabda un empatiño sen goles en Chantada que o mantén lider, empatado iso si co Boiro, que xa amosa o seu poderío. O Dumbría colócase pegado, con 10 puntos, tras superar ao Silva, mentres que o Soneira parece que vai comezar a sufrir tralo 2-1 en Bertamiráns.
Na 1ª Autonómica, resultados dispares para os nosos. O Camariñas enfía cara arriba e queda 5º tras conseguir a súa degunda vitoria ante o Flavia, demostrando que está completamente asentado na categoría e que non teme a ninguén. Un gol de De la Sierra dalle os 3 puntos aos de Pepucho. O Ponteceso sumaba un empate, pero merecía máis, ante o Lamela, e queda con 4 puntos. Os que caían eran o Malpica ante o Villestro con rotundidade, e o Fisterra, onte ante o Laro e non acaban de arrincar.
Na 2ª Autonómica, importantes golpes enriba da mesa do Sofán e do Corme. O líder superaba a un rabudo Corcubión no Novo Cubaleiro en pleno temporal. Os carballeses amosaban e quedan líderes en solitario tralo empate da Esteirana no apretado derbi ante o Muros. Por detrás xa chega o Corme logo da súa xesta no san Pedro de Refoxos, e de vencer por 0-1 a todo un Cee. Con el, o Volantes, que superaba ao Castriz, e o Montelouro, que vencía en Baio nun partido moi disputado. Por abaixo, dous equipos conseguen a súa primeira vitoria, e dous quedan sen puntuar. O Outes vencía onte en Cabana, deixando aos cabaneses con 0 puntos. Ademais hoxe o San Lorenzo superaba o vendabal e de paso ao Zas, sumando a súa primeira vitoria. O que queda tamén sen sumar é o Dumbría B, que vía como o Mazaricos se adaptaba mellor ao vento.
Na 3ª segue imparable o Independiente Carballo. Onte vencía ao Muxía e suma 4 de 4, sacando 3 puntos aos perseguidores, Porteño e Camelle. Os dous equipos camariñáns sumaban sendas e importantes vitorias, ante rivais moi potentes como son Soneira B e Cerqueda. Os da Ponte superaban un 0-1 na primeira metade para endosar un set aos vimianceses; mentres que os camelláns superaban xustamente por 2-0 a un candidato como é o Cerqueda. Unha das sorpresas, relativa xa, da xornada protagonizouna o Ameixenda, que sumou a súa vitoria, e consecutiva, ante un Laxe que se puña 0-3 ao descanso. O 4-3 demostra a gran actitude do cadro ceense. Outra remontada acontecía hoxe no Nantón-Coristanco, pois os cabaneses se metían 3-0 ao descanso pero os bergantiñáns igualaban a contenda na segunda. O Lira sumaba unha clara vitoria ante o Corcoesto e o Alcaián en Baíñas, deixando aos vimiances cun só punto, pechando a táboa igualado cun Fisterra B que descansaba esta xornada.
En Xuvenís non houbo sopresas. No sur, o Xallas de Santa Comba seguen intratable e vencía a unha Esteirana que aínda non suma un só punto, como Corcubión e Soneira, deixando patente a clara diferencia entre os de arriba e os de abaixo. Detrás do XSC están Dumbría, que metía 9 ao Soneira; o Fisterra, que superaba ao Corcubión tras un apretado 2-1 ao descanso; e o Mazaricos, que vencía en Muros cun apretadísimo 0-1. Cee e Outes, outros dos chamados a estar arriba, empataron a 3 nun partidazo. Polo norte o Baio sitúase de líder tras vencer ao Corme e suma 3 de 3 pois ten o choque co Muxía aprazado. O Ponteceso resarcíase da derrota da semana co Coristanco e superaba cun 7-1 ao Zas, idéntico resultado co que caían os coristanqueses ante o potente Cabana. O Malpica tamén superaba con comodidade ao Camariñas e avisa que si vai estar arriba.
Tamén comezaba a competición en infantís, e é o Baio o que sitúa líder tras meterlle 7 aos pequenos debutantes do Sofán. Non houbo nin un só empate.
E boa xornada para os equipos do Dumbría de Liga Galega, con vitoria dos cadetes e empate dos infantís na visita ao Residencia.
Reunión para a Copa
Non se recorda programar a Copa da Costa con tanta antelación pero benvida a proposta da Federación. O vindeiro luns 24 de setembro a Federación convoca unha reunión para tratar a Copa da Costa de afeccionados así como os Campionatos de Fútbol 8 de alevíns, benxamíns e prebenxamíns. A cita será ás 20:00h no Polideportivo de Baio.