E o facemos coma sempre por arriba, onde os resultados dos nosos na Preferente foron dispares. Vencían os cadros xalleiros ante equipos lucenses da zona baixa, pero con sufrimento. Pola súa banda o Dumbría empataba en Ribadeo e o Soneira caía ante o 5º clasificado. Así, o Santa Comba queda 3º, o Xallas nunha cómoda 9ª posición, mentres que Dumbría e Soneira quedan 15º e 16º a 3 e 1 punto do descenso respectivamente.
Mala xornada para os nosos na 1ª, que caían en sendos e inxustos choques. O Cee non podía co Arteixo malia facer unha boa segunda metade; mentres que o Ponteceso viu como lle roubaban o partido no último minunto cun gol en clamoroso fóra de xogo./p>
A Liga da Costa segue vendo a un Camariñas imparable. E iso que o San Lorenzo fixo o seu mellor partido da tempada e non merceu a derrota, pero os de Manolín están en forma. Tamén vencía o Club do Mar, e ante un rival complicado como é o Dumbría B, que vai a menos no último mes. Con forza segue chegando o Fisterra, que superaba o sábado a un Buño que ve como o Corme o supera trala súa vitoria dando un recital en Zas. O Muros caía ante un Sofán que segue nun ritmo ascendente, pero mantén a 4ª praza.
A xornada na 3ª chega con cambio de líder. O empate entre o Coristanco e o Outes (ata onte 1º e 2º e hoxe xa 2º e 3º) deixa ao Cabana no máis alto da táboa, tras vencer noutro dos encontros da xornada ao Cerqueda. O Montelouro descansaba e queda a 4 puntos dos dous primeiros. Por detrás asoma o Carnota, que vencía con comodidade ao Camelle. Ademais, Fisterra B (cos puntos que sumou esta semana trala aliñación indebida do Muxía), Porteño e Volantes venceron e loitarán por entrar entre os 6 primeiros. Tamén loitarán Cerqueda e Laxe, pois é na 12ª, co Alcaián, onde se rompe a táboa.