Sol e billarda na praia de Laxe


E a Liga Nacional de Billarda chegou á Costa da Morte. Non era sen tempo. A vila de Laxe tivo o privilexio de ser sede da 8ª xornada da Conferencia NorOeste 2014-15, converténdose así no primeiro escenario da Costa para un xogo oficial destas características. Ademais, este aberto de Laxe tamén pasará á historia por ser a primeira vez que a Liga Nacional de Billarda (LNB), cunha década de historia ás costas, organiza un encontro tendo como superficie un areal. As imaxes espectaculares que nos deixou a billarda sobre a fina area da praia laxense apuntan a que este aberto se consolidará como todo un clásico da Conferencia NorOeste, que reúne a palanadores de concellos como A Coruña, Cerceda ou A Laracha e que quere dar un impulso definitivo á liga coa súa irrupción en terras da Costa. Aínda non eran as 10:30 da mañá deste domingo cando un bo grupo de persoas se botaba á area de Laxe para comezar a preparar o acontecemento. Algúns facían as primeiras medicións para así delimitaren as pistas de xogo, mentres outros comprobaban a firmeza do terreo e daban os primeiros golpes en busca da madeira máis apropiada para este novo escenario. Tamén había quen voltaba ao asfalto camiño do bar máis próximo, cruzándose con grupos de curiosos que se achegaban para observar o que acontecía na praia. “Miña nai xa xogaba á billa, foi ela quen me ensinou”, comentaba unha muller ao presenciar a escena, mentres outro home informaba, en referencia ás ferramentas: “o palán e maila billa, así lle chamábamos nós”. En Laxe –non podía ser doutro xeito– xogábase á billarda. A cadea de transmisión rachou, como en tantas outras cousas. Pero iso non quere dicir que morrese. En Laxe, a billa está viva.
Tras o sorteo, os case 30 palanadores inscritos no aberto, varios deles autóctonos e novos participantes da LNB, quedaban encadrados en catro grupos, dous por pista. As madeiras batían e as billardas comezaban a voar sobre o ceo despexado de Laxe. O tempo, a pesar das rachas que de cando en vez sopraban desde o mar, acompañaba a celebración desta oitava xornada da liga. O sol ascendía ao tempo que os palanadores melloraban as súas prestacións neste terreo de xogo tan especial e novidoso para todos.Vindeira proba da LNB
Máis información
Novas relacionadas
- Polo San Martiño, poucos peóns ao Camiño.
- Ponteceso estreou o primeiro Museo Etnolúdico de Galicia.
- Polo San Martiño, só en Ponteceso salta o peón ao Camiño.
- O Museo do xoguete colle sona internacional.
- Perigosos tiradores tomaron Ponteceso.
- Polo San Martiño, peón ao Camiño.
- Coidamos na Costa do patrimonio lúdico galego? .
Fonte
- Crónica de David Fontán Bestilleiro, da Liga Nacional de Billarda. E fotos de Óscar Canitrot.