Polo San Martiño, poucos peóns ao Camiño


Hoxe tocaba día de San Martiño, e se por Lariño si que non perdoaron as festas, o resto da bisbarra esqueceu unha cousa. Unha tradición desas das que se van co tempo se non as coidamos. E iso que estivemos nunha fin de semana onde o xogo tradicional foi protagonista cun curso en Bergantiños, e no ano do salto do museo etnolúdico de Ponteceso.
Pero atopamos algunha iniciativa brava, como a da ANPA Alén do CEIP Praia de Quenxe, que si que quixo celebrar aquelo de "Polo San Martiño, salta o peón ao camiño". Foi a única proposta de fomento do patrimonio galego que nos chegou dende os centros de ensino da bisbarra.
Foi a ANPA a instigadora, mercando peóns para todos os alumnos, máis un pergamino informativo cos nomes das partes do peón e unha canción. Todos saíron a xogar na hora do recreo, con varios pais, e quedaron abraiados. Non deixaron de botar o peón, trompo ou como queiramos chamarlle, nos 20 minutos de recreo, e malia estar algo peixes á hora de enroscar o fío, disfrutaron máis con este xogo analóxico que con moitos virtuais.
Así e todo é unha mágoa que os cativos xa non saiban xogar a estas alturas a un xogo tan básico como o peón. Mágoa que non sexa para eles algo habitual como o era para os que nacimos no século XX, e mágoa que non haia máis iniciativas que potencien que os pequenos disfruten tanto con estes xogos tradicionais como coas consolas.
Novas relacionadas
- Ponteceso estreou o primeiro Museo Etnolúdico de Galicia.
- Polo San Martiño, só en Ponteceso salta o peón ao Camiño.
- O Museo do xoguete colle sona internacional.
- Perigosos tiradores tomaron Ponteceso.
- Polo San Martiño, peón ao Camiño.
- Coidamos na Costa do patrimonio lúdico galego? .
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).