Venres. 19.04.2024
El tiempo

Sol e billarda na praia de Laxe

Sol e billarda na praia de Laxe
Billarda na Praia de Laxe-Foto-Oscar Cranitot

E a Liga Nacional de Billarda chegou á Costa da Morte. Non era sen tempo. A vila de Laxe tivo o privilexio de ser sede da 8ª xornada da Conferencia NorOeste 2014-15, converténdose así no primeiro escenario da Costa para un xogo oficial destas características. Ademais, este aberto de Laxe tamén pasará á historia por ser a primeira vez que a Liga Nacional de Billarda (LNB), cunha década de historia ás costas, organiza un encontro tendo como superficie un areal. As imaxes espectaculares que nos deixou a billarda sobre a fina area da praia laxense apuntan a que este aberto se consolidará como todo un clásico da Conferencia NorOeste, que reúne a palanadores de concellos como A Coruña, Cerceda ou A Laracha e que quere dar un impulso definitivo á liga coa súa irrupción en terras da Costa. Aínda non eran as 10:30 da mañá deste domingo cando un bo grupo de persoas se botaba á area de Laxe para comezar a preparar o acontecemento. Algúns facían as primeiras medicións para así delimitaren as pistas de xogo, mentres outros comprobaban a firmeza do terreo e daban os primeiros golpes en busca da madeira máis apropiada para este novo escenario. Tamén había quen voltaba ao asfalto camiño do bar máis próximo, cruzándose con grupos de curiosos que se achegaban para observar o que acontecía na praia. “Miña nai xa xogaba á billa, foi ela quen me ensinou”, comentaba unha muller ao presenciar a escena, mentres outro home informaba, en referencia ás ferramentas: “o palán e maila billa, así lle chamábamos nós”. En Laxe –non podía ser doutro xeito– xogábase á billarda. A cadea de transmisión rachou, como en tantas outras cousas. Pero iso non quere dicir que morrese. En Laxe, a billa está viva. Billarda na Praia de Laxe-Foto-Oscar Cranitot Tras o sorteo, os case 30 palanadores inscritos no aberto, varios deles autóctonos e novos participantes da LNB, quedaban encadrados en catro grupos, dous por pista. As madeiras batían e as billardas comezaban a voar sobre o ceo despexado de Laxe. O tempo, a pesar das rachas que de cando en vez sopraban desde o mar, acompañaba a celebración desta oitava xornada da liga. O sol ascendía ao tempo que os palanadores melloraban as súas prestacións neste terreo de xogo tan especial e novidoso para todos. Billarda na Praia de Laxe-Foto-Oscar Cranitot A longa pista de area non era a propia para os varados (conséguese un varado cando se introduce a billarda entre os paus do varal nun só golpe, desde o inicio; só se acadou un en toda a mañá), senón que máis ben favorecía un xogo regular e constante. A praia gañábase palmo a palmo, con fortaleza e equilibrio. Isto demostraba no seu xogo Viqueira, que chegaba a Laxe como cuarto clasificado na xeral e primeiro da súa equipa, os Cochikeiros de Cerceda. O cercedense metíase na final tras deixar fóra en semis a un dos palanadores máis veteranos, o italiano Franco, que estaba a destacar tamén pola súa seguridade en cada golpe. Polo outro lado do cadro avanzaba Berdillo, tamén dos Cochikeiros, que tras sofrer grandes dificultades na fase de grupos se fora entonando co paso das rondas. O quinto clasificado da xeral, a só dous puntos de Viqueira, chegaba cargado de confianza á final tras vencer na penúltima eliminatoria a Lois dos Gharaboto. E Berdillo non deu opción. O de Cerceda mostrouse intratable sobre a area de Laxe frente ao seu compañeiro de equipa, saíndo vitorioso tras dúas carreiras e aproveitando tamén para recortar os dous puntos de diferenza que os separaban na xeral. Os dous cochikeiros suman 12 e 10 puntos e comezan a meterlle presión ao primeiro clasificado, Collazo, dos Bilhardeiros da Laracha. Ademais, apertan tamén a clasificación por equipas, xa que chegaban a Laxe no segundo posto só 10 puntos por baixo dos da Laracha. Billarda na Praia de Laxe-Foto-Oscar Canitrot Tanto Berdillo como a mellor clasificada das mulleres, Geni (Billardeiros Musicais), recibiron tras o remate do aberto os premios entregados pola Conferencia NorOeste e máis os agasallos ofrecidos polo Concello de Laxe, que colaborou desinteresadamente coa LNB permitindo a desputa do encontro na praia e solicitando un pavillón por se o mal tempo o fixese necesario. Logo, os famentos palanadores desprazáronse á Casa de Comidas O Pino para desfrutar dun copioso xantar de confraternización, que non todo vai ser deporte. Xa pola tarde, aínda houbo un numeroso grupo que se achegou até o estaleiro O Baladiño, en Canduas (Cabana de Bergantiños), para coñecer a fondo o oficio da carpintería de ribeira. Cultura tradicional, gastronomía, deporte... Porque a billarda é todo iso e moito máis. A familia da LN de Billarda na praia de Laxe-Foto-Oscar Canitrot

Vindeira proba da LNB

Mais Billarda O domingo que vén celebrarase en Pontoxo (Encrobas, Cerceda) o II Aberto Moncho Valcarce, en homenaxe ao cura das Encrobas no 22º aniversario da súa morte. Será o noveno encontro puntuable para a Conferencia NorOeste da Liga Nacional de Billarda. Quedarán aínda tres xornadas máis de liga regular, e todo apunta a que, tras o éxito, a caravana da LNB volverá por terras da Costa para que a semente da billarda acabe de prender frente ao bravo mar.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Crónica de David Fontán Bestilleiro, da Liga Nacional de Billarda. E fotos de Óscar Canitrot.

Comentarios