Mércores. 01.05.2024
El tiempo

Ti ao norte e eu ao sur

Ti ao norte e eu ao sur
David Castreje, con Pablo Rama e Boedo nun Sofán-Laracha do ano pasado David Castreje, con Pablo Rama e Boedo nun Sofán-Laracha do ano pasado

Como no clásico cinematográfico (no que dúas irmás se separaban para iren a Boston e California, respectivamente), esta fin de semana a familia da arbitraxe costeira repartirase polos catro puntos cardinais da xeografía galega. Cara o norte ou o sur, cara o leste ou o oeste, haberá árbitros da Costa da Morte en todos os puntos e en todas as categorías do fútbol galego, dende a Terceira División aos primeiros amistosos do fútbol 8 da temporada.

A viaxe máis lonxana será a que emprenderán Bruno Méndez, Rubén Reborido e David Castreje, trío costeiro en pleno, para chegar a Redondela para dirixir o Choco-Somozas da sexta xornada ligueira de Terceira División. Será un choque de urxencias, cos locais só un punto por enriba do descenso, e os visitantes xa a tres puntos do seu obxectivo, os postos de ascenso.

Vai de derbis, a comezar pola Preferente Galicia

Esta será a fin de semana con máis derbis por metro cadrado, e precisamente dous colexiados da Subdelegación dirixirán dous dos de máis nivel nesta xornada, dentro do grupo 1 da Preferente Galicia.

Marcos Ordóñez dirixirá o derbi coruñés que enfronta en Abegondo a San Tirso e Atlético Arteixo, auxiliado na banda por Álex Vázquez e Christian Grille, da Delegación da Coruña.

Pablo Rama fará un percorrido máis longo para dirixir en Castro de Rei o derbi lucense entre Castro e Ribadeo, partido que se amosa con carácter de urxencia vital para os locais, que suman dous empates e tres derrotas neste comezo de campaña. Pablo Rama estará auxiliado nas bandas por Naim Juncal (Delegación da Coruña) e Óscar Santos (Subdelegación da Costa da Morte).

E xa na Primeira Galicia, David Vázquez viaxará á cidade herculina para dirixir o encontro que enfrontará, na Grela 1, ao Imperátor co líder da categoría, o Narón. Nas bandas levará consigo aos colexiados costeiros Manuel Espasandín e Sebastián Pérez.

E na Costa, máis e máis duelos de rivalidade local

Comezan, agora si, os partidos de máxima intensidade e rivalidade na competición costeira. Esta fin de semana será especialmente intensa en canto a enfrontamentos entre equipos do mesmo municipio.

Xa na xornada sabatina terá lugar o primeiro derbi camariñán, quizais o máis intenso polo número de veces que se teñen enfrontado na historia recente. Será no campo do Rodeiro, enfrontará a Camelle e Porteño, e estará dirixido por Pablo Rama.

O domingo haberá un dobre duelo dentro do municipio de Cabana de Bergantiños, con inversión de orde de campos. Pola mañá, na competición de veteranos, enfrontaranse nas Redondas Cabana e Nantón, baixo a dirección de Carlos Señarís, mentres que pola tarde será no campo das Fontiñas, e en partido correspodente á Terceira Galicia, onde se dirimirá o duelo de veciñanza e entre dous claros candidatos ao ascenso, Nantón e Cabana, con arbitraxe por conta de Alberto Baña.

Unha fin de semana de derbis, que terá estes e outros moitos encontros de rivalidade histórica e en todas as categorías (posto que xa arrinca, por fin, a competición tamén en cadetes e veteranos), como o Buño-Ponteceso do domingo (Xaviña, 17 horas, Iván Vilanova).

No fútbol base, haberá dobre enfrontamento en xuvenís e infantís entre dous veciños, Cee e Fisterra (xuvenís, Sampaio de Refoxos, sábado, 16 horas, David Vázquez; infantís, Arasolis, sábado, 11 horas, Lucas Vicente), ademais dun derbi carballés en categoría xuvenil (Sofán-San Lorenzo, O Carral, sábado, 18.15 horas, Adrián Pérez).

Comezou, agora si, todo o fútbol, comeza unha temporada de paixón e intensidade.

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.

Comentarios